Queres presenta un módulo para o recoñecemento de códigos de barras e QR

luns, 13 de xullo do 2015 Fernando Sarasketa

A empresa galega Queres está a presentar este mes de xullo o módulo Buho, integrado na plataforma de xestión Alfresco e destinado a mellorar os nosos procesos de dixitalización de documentos físicos. O módulo extrae información dos códigos de barras ou códigos QR de arquivos escaneados e incorpora a información contida dos mesmos (metadatos do documento) en Alfresco. Segundo engade Queres, a orixe do programa está na constatación dunha eiva: até o de agora, os procesos de dixitalización dispoñíbeis tiñan como característica común a súa baixa eficiencia, sobre todo cando os arquivos a tratar amosan un número reducido de follas.
Deste xeito, os escáneres pódense configurar para que se cree un PDF por folla ou por lote, “o que obriga a dixitalizar por lotes miúdos, desaproveitando a capacidade da bandexa do escáner, ou a tratar de xeito manual o resultado do proceso de conversión para separar os documentos”, explican dende Queres, engadindo que o novo módulo de Alfresco é quen de automatizar o proceso de separación. Para isto, identifica os códigos de barra que conteñan as follas que integran o lote, e en base a un código que se define como separador, xéranse os documentos individuais que están acubillados dentro do feixe.
O módulo, a xeito de valor extra, tamén posibilita ligar información a cada documento, interpretando os códigos que conteñan as follas do mesmo en base a unha configuración previa. “Isto”, explican dende a firma galega, “permite automatizar a separación e tamén facilitar o enchido automático de datos ou a automatización de fluxos de traballo”.
O programa-ferramenta é integrábel no xestor documental Alfresco aínda que tamén está dispoñíbel como servizo web independente que se pode integrar noutros sistemas de almacenamento. Con este proxecto, conclúen dende a empresa galega de software libre, “Queres achega todo o seu coñecemento e experiencia para desenvolver unha solución que impulse a xestión documental eficiente, mellorando a produtividade”.

PUBLICIDADE