Queen volve nun xogo para móbiles

venres, 5 de marzo do 2021 Marcus Fernández

Os xogos musicais tipo Rock Band e Guitar Hero tiveron moito éxito en consolas domésticas, e aínda que o xénero pareza esquecido, un pequeno xogo para móbiles quere recuperalo. Trátase de Queen Rock Tour, título que podemos descargar de balde para iOS e para Android, permitindo así gozar dun par de temas musicais para así coñecer a mecánica do xogo, podendo desbloquear o xogo completo con máis de 20 cancións orixinais de Queen por 2,99 euros.
Visualmente Queen Rock Tour lembra inevitablemente a LEGO Rock Band, xogo para consolas que veu a luz en 2009 e que permitía encargar á formación de Freddie Mercury, pero desta volta o xogo carece da licenza de LEGO, aínda que si ten os dereitos da música, pois está editado por Universal Music Group Recording, compañía que ten os dereitos de Queen dende 2010. Pero se deixamos a un lado as inspiracións deste xogo, temos un título que adapta as mecánicas de anteriores xogos musicais para resultar máis propias de dispositivos con pantalla táctil e, de feito, está claramente deseñado para o seu uso cos dedos polgares, realizando toques e deslizamentos en pantalla que poden supor todo un reto.
O xogo non se limita a superar os retos musicais, senón que tamén permite que os usuarios poidan personalizar con accesorios a súa banda e, durante a experiencia de xogo tamén podemos explorar a historia de Queen e desbloquear imaxes de arquivo, de xeito que os seareiros da formación verán neste título unha magnífica homenaxe.

Tráiler de Queen Rock Tour