Qualcomm prevé máis de 200 millóns de móbiles 5G en 2020

martes, 3 de decembro do 2019 Marcus Fernández

Qualcomm está a celebrar o Snapdragon Tech Summit, encontro no que, entre outras moitas cousas, presentan os procesadores Snapdragon 865 e Snapdragon 765, así como grandes avances de cara á popularización do 5G durante 2020. O fabricante de procesadores prevé que o ano que vén poranse á venda máis de 200 millóns de terminais móbiles con 5G, ou sexa, que será o ano non que esta tecnoloxía chegue finalmente ao grande público.
O Qualcomm Snapdragon 865 será un procesador moi importante nos vindeiros meses, non só pola súa potencia, senón tamén por integrar un modem X55, de xeito que poderá gozar das redes 5G presentes a nivel mundial. Para popularizar aínda máis o 5G tamén será posible integrar tal conectividade co procesador Snapdragon 765 (que contará con versión 4G e 5G).
Durante a xornada tamén fixo acto de presenza o directivo de Xiaomi, Bin Lin, quen anunciou que o futuro Mi 10 será un dos primeiros smartphones cun procesador Qualcomm Snapdragon 865, adiantando que ao longo de 2020 porán á venda máis de 10 móbiles con 5G.
Outra tecnoloxía interesante presentada nesta xornada foi a nova versión do lector de pegadas dixitais ultrasónico de Qualcomm, que agora responde ao nome de 3D Sonic Max, e que ofrece unha área de recoñecemento 17 veces máis grande, permitindo así un grande incremento de seguridade, xa que sería capaz de recoñecer 2 dedos á vez.

PUBLICIDADE