Qualcomm normaliza a cancelación de ruído activa nos seus procesadores para auriculares sen fíos

xoves, 26 de marzo do 2020 Marcus Fernández

Os auriculares sen fíos están a converterse nalgo máis que unha moda, e o feito de que os últimos modelos incorporasen cancelación de ruído activa tampouco será unha característica exótica se atendemos ao último anuncio de Qualcomm, compañía que presentou os procesadores QCC5100 e QCC302x, que integrarán tecnoloxías que facilitarán unha conectividade robusta, unha grande autonomía, cancelación de ruído activa e boa calidade sonora.
Os auriculares sen fíos que incorporen os novos chips de Qualcomm poderán gozar de funcionalidades como TrueWireless Mirroring (que permite intercambiar cal dos dous auriculares é o que se comunica co móbil sen que o usuario o perciba, axustándose así á forza do sinal), a cancelación de ruído activa (ANC) que tantos usuarios demandan para poder escoitar música illándose do ruído ambiental, e o soporte de distintos asistentes de voz.
Os novos chips de Qualcomm non só facilitarán que estas tecnoloxías cheguen a máis fabricantes, senón que tamén esforzáronse para que impactasen o mínimo posible na súa autonomía, e así estiman que cunha batería típica de 65 mAh poderían ofrecer até 13 horas de reprodución.
Os distintos procesadores de Qualcomm presentados diferenciaríase na gama de auriculares ás que están dirixidos, de xeito que os máis básicos precisarían da pulsación dun botón para activar o asistente de voz, mentres que o procesador QCC5141 podería estar escoitando constantemente do mesmo xeito que fai un altofalante conectado no fogar, chegando con empregar unha palabra de invocación para usar o control por voz.

PUBLICIDADE