PuntoGal reúnese co resto de dominios culturais e territoriais en Barcelona

xoves, 8 de xuño do 2023 Redacción

Representantes dos dominios lingüísticos, culturais e territoriais ibéricos mantiveron unha xuntanza ao longo do día para poñer en común os seus plans de futuro, accións comerciais para este ano e previsións de evolución do mercado e da Rede.
Os catro dominios participantes son ao mesmo tempo membros do grupo dos GeoTLDs, que congregan os dominios de raíz xeográfica, lingüística e cultural, e entre os que se atopan .scot (Escocia), .london (Londres) ou .bzh (Bretaña) entre outros e no que se levan a cabo acción común de comunicación co público ou cos órganos de gobernanza da Rede, como ICANN.
Por parte dos rexistradores, as empresas autorizadas para a venda de dominios ao público, estiveron presentes os máis relevantes do mercado, até un total de trinta asistentes.

Previsións de futuro

A xornada abriuse cunha conversa entre Josep Maria Ganyet e Marc Argemí, moderada por Albert Cuesta, na que se analizou o impacto da intelixencia artificial na navegación na rede e a súa influencia no mercado dos dominios, así como a súa relevancia para a seguridade e a identidade en internet.
Josep María Ganyet e enxeñeiro informático, empresario e profesor universitario. Acaba de publicar La democràcia mor al núvol, que alerta sobre os perigos da espionaxe e a ameaza que representa para as liberdades individuais.
Marc Argemí doutorouse en xornalismo cunha tese sobre a credibilidade dos rumores e as noticias e na actualidade dirixe a súa propia axencia de comunicación, Sibilare.
Albert Cuesta é xornalista especializado en electrónica de consumo e tecnoloxías da información e a comunicación. Ademais das súa colaboracións con diversos medios de comunicación, tamén exerce como profesor universitario e recibiu diversos recoñecementos pola súa labor de divulgación.

Prioridades dos dominios

Na segunda parte da sesión cada un dos dominios expuso a situación actual na que se atopa así como os planes para o resto deste ano e o 2024.
Cuestións como a irrupción da intelixencia artificial, os cambios na lexislación europea e a protección dos datos de usuarios foron algunhas das que ocuparon as discusións. Tamén se trataron cuestións como a ciberseguridade, o traballo dos dominios para conseguir unha rede máis segura ou as novas posibilidades de certificación de identidade en liña.
No aspecto más inmediato, comentouse a posibilidade de por en marcha algunha acción conxunta, comercial ou de marca.
A reunión finalizou tras un almorzo de traballo coa intención de retomar as tarefas comúns en próximas ocasións.

PUBLICIDADE