PuntoGal e a Asociación Galega de Deseño asinan un convenio de colaboración

martes, 20 de outubro do 2020 Redacción

O presidente da Asociación PuntoGal, Manuel González González e a presidenta da Asociación Galega de Deseño (DAG), Irene García Reyes, asinaron un convenio de colaboración mediante o cal a DAG se compromete a dar cobertura ás actividades realizadas por PuntoGal para promover a utilización do dominio a través dos seus órganos de expresión. Ademais, e grazas a este acordo, as asociadas poderán obter un dominio .gal a prezos reducidos. A sinatura realizouse de xeito telemático.

PuntoGal e a DAG

PuntoGal, que supera os cinco mil cincocentos dominios rexistrados, vai continuar a promover este tipo de convenios fundamentalmente «en proxectos asociativos relacionados coa cultura e a tecnoloxía, eixos centrais da nosa actuación, que como a DAG, contribúen ao desenvolvemento de proxectos de repercusión global», en palabras do director xeral da PuntoGal, Darío Janeiro.
Para Janeiro «os deseñadores e os estudos de deseño representan un papel central na internet galega, nun momento no que non hai proxecto cultural ou comercial que se poida manter desconectado. Para facilitar o seu traballo, as asociadas obteñen dominios a un prezo máis reducido, co obxectivo de propagar o seu uso o máximo posible».
Pola súa banda, Irene García quixo agradecer a colaboración de PuntoGal nunha iniciativa que «afonda nas relacións entre asociacións con obxectivos comúns, na procura de visibilidade e nunha clara aposta polo valor do noso». García tamén salientou que «un dos obxectivos da DAG é crear canles de comunicación novas que fomenten as vantaxes para asociadas» e que «a sinatura deste convenio amplía tamén as oportunidades para chegar a máis profesionais».
O convenio entrambas entidades inclúe a posibilidade de que as asociadas da DAG poidan mercar un dominio .gal ao prezo reducido de 13 euros máis IVE. Para facer efectiva a oferta, terán que utilizar códigos promocionais a través dos rexistradores que colaboran na promoción, Dinahosting e Entorno Digital.

PUBLICIDADE