PuntoGal e AGFG impulsan unha web con información sobre a práctica do fútbol gaélico na nosa terra

xoves, 19 de agosto do 2021 S. P.

Manuel González e Darío Janeiro

A Asociación PuntoGal, adicada á promoción do dominio galego en Internet (.gal), asinou este 19 de agosto un acorco coa Asociación Galega de Fútbol Gaélico a través do cal a primeira entidade comprométese a patrocinar as escolas da organización deportiva. O acordo asinouse na sede da Federación Galega de Fútbol (FGF) en Santiago, situada no estadio municipal Vero Boquete de San Lázaro. Ademais, a colaboración implica o desenvolvemento dun programa de formación deportivo de base e a posta en marcha dunha web informativa sobre este deporte, gaelicogalego.gal, onde a AGFG e PuntoGal informarán sobre as actividades celebradas e darán a coñecer os fundamentos do fútbol gaélico.
Asemade, contémplanse charlas e sesións informativas en centros educativos.

Manuel González e Ángel Negrete

Puntogal será deste xeito a principal patrocinadora de Gaélico Escolas, o proxecto de formación deportiva de base da Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG). No acto estiveron presentes o presidente da AGFG, Ángel Negrete, e o presidente e o director xeral do dominio, Manuel González e Darío Janeiro.
O presidente da Asociación de Fútbol Gaélico, Ángel Negrete, destacou a trascendencia deste convenio de patrocinio que, “grazas ao compromiso continuado de PuntoGal, que se remonta ao ano 2018, podemos continuar avanzando como proxecto de referencia na escena do fútbol gaélico internacional, promocionando o nome da nosa terra e cultura por todo o mundo”.

PUBLICIDADE