Pulo aos investimentos en capital semente para os proxectos da aceleradora VíaVigo

venres, 14 de febreiro do 2014 Redacción

O consello da sociedade de capital risco Vigo Activo vén de dar pulo aos investimentos para os proxectos seleccionados pola aceleradora VíaVigo, proxectos todos eles directa ou indirectamente ligados ás TIC, como veremos con máis detalle máis abaixo. Así o vén de anunciar o Consorcio da Zona Franca, que é quen promove VíaVigo e cuxa delegada de Estado, Teresa Pedrosa, preside ademais o devandito consello. Para axilizar o fluxo de capital semente, na xuntanza do comité responsábel da sociedade Vigo Activo acordouse que sexa o seu director xeral o que formalice os investimentos nos proxectos de VíaVigo. “Con esta decisión”, informouse, “o fluxo de capital semente de até 50.000 euros en cada unha das dez empresas non terán que someterse de xeito individual a unha nova aprobación polo consello”.
Lembrar que Vigo Activo ten ás súas costas un total de fondos desembolsados de máis de 18 millóns de euros ao longo das súas dúas décadas de vida. A sociedade, informan os seus responsábeis, “apoiou o medre de moitas PEME galegas con fondos de capital risco e asesoramento”. Porén, este ano é o ano definitivo da ampliación da súa actividade financeira de cara á empresa innovadora (un exemplo disto é o seu apoio a VíaVigo). Promovida e impulsada polo Consorcio da Zona Franca, a sociedade Vigo Activo naceu en maio de 1993, “co convencemento de que o capital risco era o instrumento idóneo para fomentar a renovación do tecido industrial galego ao apostar por persoas eficaces, con proxectos innovadores e sectores con tecnoloxías emerxentes”. Agora afronta unha etapa decisiva co seu impulso aos dez proxectos elixidos para esta primeira edición da aceleradora VíaVigo. A través da sociedade de capital risco, o consorcio daralles investimento e asesoramento na xestión e na organización.
Lembrar que a primeira convocatoria da aceleradora de empresas rexistrou 131 proxectos inscritos dos que dez foron as ideas de negocio que finalmente se seleccionaron para recibir unha achega de capital semente e pasar á fase de aceleración. O abano resultante de actividades é ben amplo: hai unha empresa de produtos probióticos, outra de aplicacións para crear contos personalizados nas tablets, un programa para manter no tempo clientes utilizando xogos para móbiles, deseños personalizados e ecolóxicos de lámpadas de cartón, un sistema que axuda ás adegas a mellorar a calidade dos seus viños, un recurso para a medición e análise por vídeo de públicos de establecementos comerciais, unha web de compravenda de roupa de bebés, unha aplicación para optimizar actividades de comercio electrónico arredor de produtos de segunda man, un novo concepto de camisetas de luxo e, tamén, unha canle de TV personalizada e interactivo para negocios de hostalaría e salas de espera.
Por certo que a semana pasada, a delegada Teresa Pedrosa anunciou que nos vindeiros meses realizarase a segunda convocatoria desta aceleradora de empresas.

PUBLICIDADE