Publican as especificacións do Asus Eee Pad Transformer Prime

mércores, 9 de novembro do 2011 Marcus Fernández

O novo tablet de Asustek terá un grosor de 8,3 mm e un peso de 586 gramos

Hai 3 semanas Jonney Shih, director xeral de Asustek, amosou ao público o novo tablet da súa compañía, o Transformer Prime, que debería de ver a luz esta mesma semana, e que finalmente adía o seu lanzamento ao mes de decembro, chegando a tempo para o Nadal. Pero o que si avanzaron son as súas prestacións, quedando claro que estamos ante o tablet máis potente do mercado, xa que estrea a tecnoloxía nVIDIA Tegra 3, que co seu procesador de catro núcleos permitirá aplicacións máis rápidas, xogos máis inmersivos, vídeo en alta definición e un consumo máis reducido.

O Asus Eee Pad Transformer Prime pode funcionar dun xeito semellante ao dun ordenador portátil

O Asus Eee Pad Transformer Prime terá un grosor de só 8,3 milímetros, un peso de 586 gramos, un teclado físico QWERTY externo (co que consegue unha autonomía de ata 18 horas, xa que integra unha batería secundaria), pantalla IPS de 10,1 polgadas cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles e recubrimento Gorilla Glass, sistema operativo Android 3.2 actualizable en breve a Android 4.0, 1 Gb de RAM, 32/64 Gb de almacenamento interno, Wi-Fi N, Bluetooth 2.1, cámaras de 1,2 e 8 Mpíxeles (esta última con flash), micro HDMI, lector de tarxetas microSDHC, micrófono, altofalantes estéreo, GPS, compás dixital, xiroscopio e unha autonomía (sen teclado) de ata 12 horas.
Temos así un dispositivo que se situaría á cabeza de todos os tablets do mercado, e incluso tendería unha ponte aos ordenadores portátiles (cando se lle conecta o teclado conta con lector de tarxetas SD e 1 porto USB 2.0 e tamén incluirá aplicacións coma o Polaris Office para facilitar o seu uso para editar documentos de Word, Excel e PowerPoint), sen disparar o seu prezo, xa que o modelo con 32 Gb de almacenamento custará 499 dólares (599 dólares no caso de contar con 64 Gb de capacidade) aos que habería que engadir 149 dólares de adquirirse co teclado externo.

PUBLICIDADE