Publican accidentalmente numerosos detalles do LG G4

luns, 13 de abril do 2015 Marcus Fernández

LG ten programada a presentación do LG G4 para o vindeiro 28 de abril, pero accidentalmente publicaron a páxina web coreana do seu novo móbil insignia, o que fixo que se lles estragase a sorpresa, e agora poidamos saber como será este prometedor terminal que pese a semellarse ao LG G3, inclúe suficientes melloras como para ser un teléfono a ter moi en conta.
Para comezar o LG G4 tería unha pantalla IPS de 5,5 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles bautizada como Quantum Display, que promete unha grande calidade de imaxe; A cámara traseira de 13 Mpíxeles destacaría pola súa apertura f/1.8, dobre flash, enfoque láser e estabilización óptica de imaxe; a cámara frontal sería de 8 Mpíxeles, as fotografías capturadas polas cámaras poderían almacenarse en JPEG ou en RAW; o procesador equipado sería un Qualcomm Snapdrago de 4 núcleos a 2,5 GHz con 2/3 GB de RAM e 16/32 GB de almacenamento interno, 4G, Bluetooth 4.0, NFC, microUSB 2.0, HDMI SlimPort e batería de 3.000 mAh.
Un dos detalles máis salientables deste smartphone é que a súa pantalla parece lixeiramente curvada, e a parte traseira ofrécese en plástico de varias cores ou en pel (tamén en varias tonalidades cromáticas). Un terminal que combina así prestacións punteiras cun acabado elegante, confirmando a posición de LG como un fabricante con terminais de lata gama a ter en conta.

O LG G4 estaría dispoñible en varias cores

PUBLICIDADE