Proposta na Internet a creación dunha rede privada e popular de escolas en galego

martes, 14 de abril do 2009 Fernando Sarasketa

A Rede, un espello da vida coma calquera outro, está a ser estes días obxecto de posicionamentos e posta en marcha de iniciativas en contra ou a favor da máis que probable derrogación do decreto do galego por parte do novo Goberno da Xunta, o que significa que a partir dese intre os factores que aseguran a presenza da lingua nunha parte do proceso educativo serán mínimos. Entre as iniciativas en contra da derrogación atopamos a do caderno en liña Limiar Galego, reflectida estes días pola web A Voz de Vilalba e consistente en sentar os alicerces para a creación dunha rede popular de escolas privadas na nosa lingua. A base da proposta, lanzada o pasado 9 de abril perante a comunidade internauta de pais, profesores e usuarios da Rede en xeral, sería en certa medida semellante a das Galescolas, pero asumida dende o autofinanciamento a través dun tecido de asociados e cun programa de creación e desenvolvemento alleo ás liñas de traballo do actual Goberno da Xunta.
Máis concretamente, a idea é partir dun número mínimo de apoios (3.000) para acadar un orzamento anual de 300.000 euros anuais e poñer en marcha un escola infantil que, logo de ser costeada polos seus usuarios, poida recuperar o investido e sirva para poñer a primeira pedra do seguinte centro educativo. Asemade, a intención dos responsables da proposta é a de tirar partido da Internet para facer fronte común arredor do que consideran unha necesidade: a posta en marcha dunha rede popular galega privada que asegure a presenza da nosa lingua nunha parte do sistema educativo e con especial atención a todos os elos da cadea: dende os niveis inferiores (de cero a seis anos) até a finalización da educación obrigatoria (aos 16).

PUBLICIDADE