Project xCloud permitirá gozar de xogos de Xbox en dispositivos móbiles

luns, 8 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Microsoft anunciou na pasada edición da feira E3 que estaba a traballar nunha solución de xogo na nube a través de streaming, para facilitar que case calquera pantalla poida gozar de videoxogos baixo demanda dun xeito semellante a como actualmente accedermos á música ou ao cine, e hoxe confirmaron o nome desta iniciativa: Project xCloud.
A intención de Project xCloud é que os usuarios poidan gozar dos seus xogos con independencia do dispositivo, ofrecéndolles novas opcións, e facilitando que os usuarios móbiles poidan gozar de experiencias que até o momento estaban limitadas a consolas e ordenadores persoais.
Para facilitar esta tarefa aseguran que os máis de 3.000 xogos dispoñibles actualmente para Xbox One (e os milleiros que cheguen no futuro) poderán funcionar en dispositivos móbiles a través de Project xCloud sen que os seus desenvolvedores teñan que facer ningún traballo adicional, aínda que para poder ver este servizo en probas públicas haberá que agardar a 2019.
Esta iniciativa resultará moi atractiva tanto para usuarios actuais de Xbox (que terán máis dispositivos nos que poder gozar dos seus xogos favoritos) como para xogadores móbiles, que terán unha experiencia moi superior á actual e cun catálogo de títulos moi atractivo. Iso si, ao estarmos ante unha solución de streaming na que a latencia é un elemento crítico, non parece que España vaia estar entre os primeiros países que poderán gozar do servizo (especialmente porque no noso territorio carecemos de datacenters de Azure).
No seu estado actual Project xCloud permite gozar de xogos en smarpthones e tabletas controlados por mandos de Xbox conectados por Bluetooth ou mediante controis virtuais táctiles en pantalla, sendo este último sistema de control todo un reto, xa que mapear o mando completo dunha consola nunha pantalla táctil é sumamente complexo, e precisará de axustes xogo a xogo para poder facer que gozar dun xogo sen un mando físico sexa o mellor posible. Nas probas actuais o sistema de xogo na nube funciona con conexións que parten dos 10 Mbps e incluso sería posible a través de redes 4G.

Vídeo promocional do proxecto xCloud

PUBLICIDADE