Programados até 35 obradoiros de capacitación TIC para este mes de decembro na provincia de Pontevedra

luns, 1 de decembro do 2014 Redacción

O Centro Provincial de Asesoramento Empresarial en novas tecnoloxías (CPAE 2.0) da Deputación de Pontevedra anunciou que ten previstos un total de 35 obradoiros de capacitación tecnolóxica para este mes de decembro que comeza. Segundo fai saber o organismo provincial, estas actividades teñen como finalidade facilitar aos autónomos e pequenos empresarios da provincia formación no manexo das novas tecnoloxías aplicadas aos negocios. Os obradoiros en cuestión desenvolveranse nos 6 centros que integran a rede CPAE e que están abertos ao público en Lalín, Cambados, O Porriño, Ponteareas, Pontevedra e Vigo.
As xornadas, que son de carácter práctico, celebraranse nas aulas habilitadas a carón dos despachos de asesoramento en cada un dous seis puntos devanditos. Tematicamente, estarán centradas na mercadotecnia en liña (técnicas para favorecer dende a Rede o aumento das vendas de autónomos e pequenas empresas), nas aplicacións empresariais básicas para PEME e profesionais autónomos, no emprego das redes sociais para incrementar vendas e aumentar a nosa carteira de clientes, na mellora da nosa presenza en liña, no manexo de ferramentas como o correo electrónico ou aplicacións de Google para o ámbito laboral, no comercio electrónico para microPEME nas ferramentas móbiles e recursos existentes, xerais, que sexan de utilidade para as nosas miúdas, pequenas e medianas empresas.
Ademais das xornadas e obradoiros de capacitación tecnolóxica, o Centro Provincial de Asesoramento Empresarial 2.0 (CPAE 2.0) informou que inclúe asesoramento personalizado dirixido aos máis de 64.000 autónomos e microempresas da provincia e unha ampla rede de servizos orientada a mellorar a competitividade do tecido empresarial e á súa modernización, por medio do espallamento e normalización do uso das novas tecnoloxías.

PUBLICIDADE