Profesionais reunidos en Vigo salientan o potencial da innovación aberta para levar ás empresas alén das súas posibilidades

mércores, 6 de marzo do 2013 Redacción

O Centro de Excelencia de Vigo desenvolveu este martes 6 de marzo pola mañá, no Consorcio da Zona Franca de Vigo, a xornada Open Innovation. Un novo modelo de innovación, cuxo obxectivo principal foi dar a coñecer o modelo de innovación aberta como ferramenta chave para xerar valor engadido nas organizacións e facelas, polo tanto, máis competitivas. Durante a sesión analizáronse as vantaxes que a aplicación desta fórmula pode reportar ás empresas e máis as ferramentas das que dispoñen para pola en práctica. Segundo fixo saber Regina Carreira, vicexerente de Internacionalización da Universidade de Vigo, a innovación aberta, termo acuñado polo profesor Henry Chesbrough da Universidade de Berkley (EE UU), é un modelo a través do cal as empresas van alén dos límites internos da súa organización e buscan cooperación con axentes externos para xerar valor no marco de novos proxectos estratéxicos de I+D que lles fagan ser máis competitivos e eficientes.
Pola súa parte, Juan Pastor, fundador de Repensadores e profesor de Creatividade e Innovación na xestión empresarial da Escola de Organización Industrial (EOI), fixo fincapé noutro beneficio visíbel da innovación aberta: permite que empresas que non dispoñen de recursos poidan desenvolver proxectos innovadores buscando talento, experiencia ou, mesmo financiamento, noutras organizacións. Gutier Martínez, responsábel do equipo humano en Centum Research & Techonology, amosou experiencia da súa empresa que, para poder realizar un proxecto de I+D, buscou colaboracións fóra da súa estrutura. “A idea inicial era a creación dun avión non tripulado que permitise localizar a persoas a través do teléfono móbil pero, grazas ás achegas externas, puidéronse expor novas aplicacións para outros sectores, como o gandeiro, o forestal”, explicou. Cómpre lembrar que de Centum e da devandita experiencia innovadora temos falado polo miúdo en Código Cero, informando dos logros obtidos a través da súa alianza co centro vigués Gradiant.
Pola súa banda, Rodrigo Gómez, responsábel da Unidade de Desenvolvemento e Innovación da Escola Galega de Administración Sanitaria, explicou como é posible innovar no sector público implicando a todos os axentes que integran o sistema. Compartiu a experiencia do SERGAS na creación da Plataforma de Innovación Sanitaria, unha ferramenta transversal que ten por obxectivo instaurar un novo formato de xestión, que permite xerar valor engadido e ofrecer servizos de maior calidade e máis efectivos, a menor custo. Pretende promover a cultura da innovación, implicando tanto a profesionais como a doentes para “que poidan achegar ideas, coñecementos e experiencias que permitan desenvolver solucións que substitúan servizos actualmente ineficientes”.
Beatriz Monfort e Nuria Bueno, do departamento de Proxectos de Tecnópole, presentaron a iniciativa posta en marcha por este complexo empresarial para favorecer a innovación aberta nas empresas: “A través dunha dinámica de grupo, baseada no cinco sentidos, responsables de diferentes compañías puideron identificar as súas potencialidades e compartilas con PEME doutros sectores ou pólas de actividade; este formato facilitou polo tanto o establecemento de novas sinerxías que xa están a dar lugar a novos proxectos”, informaron.
Por último, Julio Sande, xerente de Clarke, Modet & Co., recomendou “perder o medo a compartir coñecementos” e animou aos empresarios “a pensar que a propiedade intelectual é unha ferramenta chave no desenvolvemento de negocio, xa que pode multiplicar as súas posibilidades de éxito nun mercado cada vez máis globalizado e abrir a porta a novas liñas de traballo”.

PUBLICIDADE