Problemas no Morrazo coa recepción da TDT

xoves, 3 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

O Morrazo está estes días a contrapelo da TDT. E non semella un caso puntual e ben delimitado: estamos a falar de medio milleiro de vivendas dos concellos de Cangas e Bueu que, segundo se conta en El Faro de Vigo, teñen problemas para recibir en boas condicións o sinal de varias canles de Televisión Dixital Terrestre, TDT. Os motivos disto, explícase, radican no propio emprazamento dalgunhas destas vivendas, que están orograficamente no límite do que se vén chamando zona de sombra, que é a onde non chega a TDT por problemas de afastamento ou paisaxe accidentada. Noutros casos as causas xa non están tan claras, xa que o Morrazo non achega dificultades orográficas comparables á montaña do interior da nosa terra.
Nestas vivendas a mala cobertura podería vir dada por avarías ou problemas de emisión nas estacións repetidoras das zonas altas da península. Segundo informan os Concellos afectados, estanse a pór en práctica medidas para pórlle remedio a estas deficiencias, ben sexa a través dunha actuación propia ou da de empresas operadoras.
O Concello de Cangas, pola súa parte, anunciou que pedirá a intervención da Secretaría Xeral de Medios, encargada do despregue e mantemento da TDT na nosa terra.

PUBLICIDADE