Pro Evolution Soccer estrea versión para móbiles con Android

martes, 1 de febreiro do 2011 Marcus Fernández

Tras a súa chegada a iOS antes do Nadal, o xogo PES 2011 Pro Evolution Soccer chega ao Android Market a un prezo de 4,99 euros, estreándose na plataforma móbil promovida por Google, cun realismo sen igual (incrible experiencia de xogo e a mellor intelixencia artificial do mercado), competicións de clubs da UEFA en exclusiva (con moitos dos mellores equipos nos modos oficiais UEFA Champions League e UEFA Europa League), unha excelente accesibilidade (co sistema de control true flow que combina o uso do acelerómetro co controis táctiles, aínda que os usuarios máis experimentados preferirán gozar de maior liberdade de movementos con teclado e botóns virtuais, como nunha consola clásica) e uns sorprendentes gráficos (aínda que xa hai usuarios queixándose de que en diversos terminais o xogo non enche a pantalla completamente).
Estamos ante o primeiro grande lanzamento de Konami para móbiles con Android (xa realizaron un experimento ofrecendo de balde o clásico Frogger, seguido por Contra 4: Redux), polo que nos vindeiros meses poderiamos ver moitas franquías clásicas achegarse aos dispositivos con Android en vez de limitarse á plataforma móbil de Apple.

O PES 2011 para Android semella unha conversión do título que chegou hai uns meses para o iPhone


Así podemos ver o PES 2011 nun móbil con Android

Código QR para acceder ao PES 2011 Pro Evolution Soccer no Android Market

PUBLICIDADE