Primux obtén un importante recoñecemento á calidade dos seus procesos

xoves, 18 de agosto do 2016 Redacción

O fabricante galego Primux, deseñador e ensamblador de produtos de electrónica con centro de operacións na Tecnópole de Ourense, vén de informar da obtención dun importante recoñecemento que certifica o seu bo facer en materia de desenvolvemento e fabricación. Máis polo miúdo, a compañía de dispositivos de telecomunicación foi obxecto da acreditación ISO 9001:2008, que garante ante socios, clientes e usuarios os máis idóneos e continuos seguimento e control de produtos e compoñentes en planta.
De cara aos clientes, as medidas que motivaron e sustentaron a acreditación teñen como obxectivo transmitir “unha maior confianza en canto á calidade dos produtos e servizos Primux, así como permitirlles unha experiencia comercial máis eficiente e efectiva”, informou a empresa.
O director xeral de Primux, Daniel Rodríguez, sinalou a respecto do devandito que “conseguir a acreditación ISO 9001 significa que os clientes poderán asegurarse da continuidade da calidade e, tamén, do compromiso de Primux á hora de ofrecer uns produtos de gran calidade desempeñando cada tarefa de maneira sistemática e centrada nos procesos”. José Morán, tamén director xeral de Primux, engadiu que “tanto a certificación ISO 9001 como a certificación IQNet avalan todo canto Primux representa e o que facemos como empresa aquí e no estranxeiro”.

PUBLICIDADE