Primux, Miniprice Express e Antali, novas incorporacións TIC á Tecnópole

martes, 22 de xaneiro do 2013 Fernando Sarasketa

A Tecnópole-Parque Tecnolóxico de Galicia segue a medrar con novas incorporacións e servizos, cousa moi a ter en conta nestes tempos que corren, onde se multiplican os informes que desaconsellan calquera actividade empresarial nova. Con todo, tanto dende Tecnópole como dende unha chea de experimentados centros e complexos produtivos, aconsellan xusto o contrario: a creatividade e a innovación empresarial. Así, segundo informan fontes do complexo de San Cibrao das Viñas, o seu Consello de Administración autorizou a instalación de sete empresas na súa xuntanza deste martes 22 de xaneiro. Na reunión, presidida por Manuel Varela, vicepresidente do Consello de Administración e director da Axencia Galega de Innovación, fíxose un percorrido por cada unha das incorporacións. Entre todas elas, hai varias que nos tocan moi de preto tematicamente.
Máis polo miúdo, foi aprobada a instalación do departamento de I+D+i da empresa Primux Trading, que baixo a marca Primux Tech deseña, fabrica e vende –dende Ourense– produtos de electrónica de consumo: tablets, smartphones, ebooks, computadores, cargadores, baterías, teclados, ratos, altofalantes e discos duros externos. As razóns de ter emprazado o seu departamento de desenvolvemento na Tecnópole, fixeron saber os propios responsábeis da empresa, teñen que ver coa oferta de servizos de apoio á innovación que ofrece a devandita entidade empresarial e á proximidade con outras firmas tecnolóxicas coas que poder colaborar.
Asemade, comezará a súa andaina no parque tecnolóxico galego outra empresa moi ligada ás cuestións que tratamos dende este medio. Falamos de Miniprice Express, dedicada ao desenvolvemento e integración de servizos de comercio electrónico. Arestora, ocupa tamén un novo espazo no parque para avanzar nos seus proxectos de I+D nos eidos do comercio electrónico social e móbil, a computación na nube e a realidade aumentada. Neste intre, informa Tecnópole, xestiona unha tenda en liña de produtos informáticos que ofrece “prezos moi competitivos grazas ao deseño dunha ferramenta propia para integrar stocks de toda Europa en tempo real”.
Con todo, hai máis presenza TIC. Concretamente a que vén da man de Antali Technologies, empresa xestora do novo portal de moda www.tenestilo.com, dotado de estilista virtual personalizado. Cómpre lembrar que deste portal falamos hai ben pouco dende Código Cero, en boa medida para informar da súa posta en marcha e das vantaxes que achega: diríxese a facilitar asesoramento en imaxe, a nivel de vestiario e demais, ao tempo que fornece produtos de téxtil vinculados a primeiras marcas
A maiores, comezará a súa actividade na Tecnópole a empresa de nova creación Xiriax Pharma, que ocupa un niño na incubadora para prestar servizos de internacionalización de produtos farmacéuticos a laboratorios de toda España. Súmanse, tamén, Integriatech, unha empresa en proceso de constitución que orientará a súa actividade a desenvolver modelos de explotación de sistemas eléctricos distribuídos; Paratermo Energía, especializada na intermediación de proxectos e estudos relacionados coa arquitectura, o urbanismo e o medio; e, finalmente, a empresa de prevención Asepeyo, que instala unha oficina na Tecnópole con motivo dun acordo de colaboración con Unipresalud para ofrecer servizos conxuntos.
Cos cinco sentidos
Entre outras cuestións amosadas perante o Consello, a Tecnópole informou que dará un paso máis no proxecto de promoción da innovación aberta iniciado en outubro de 2012 baixo o nome 5 sentidos para innovar. Así nolo explica: “Logo da positiva experiencia rexistrada co primeiro encontro, celebrado entre empresas da Tecnópole o outubro pasado, o próximo 22 de febreiro o programa ábrese a empresas de toda Galicia; nesta ocasión, incorpórase como novidade a celebración dun showroom no que as empresas de Tecnópole expoñerán os seus produtos innovadores”.

PUBLICIDADE