Primeiro aniversario para Movistar+, a tele de pago de Telefónica

xoves, 7 de xullo do 2016 Redacción

Mañá, venres 8 de xullo, Movistar+, a TV de pago de Telefónica, está de aniversario e cumpre 1 ano de vida. Movistar+ sitúase neste intre nos primeiro postos dentro do país con máis de 3,7 millóns de clientes e pasa por ser a primeira TV que achega no multidispositivo e sen conexión: cinema, series, deportes e outros formatos. Outro aspecto a salientar é o servizo Movistar+ 5S, que ofrece accesibilidade aos contidos para persoas con discapacidade sensorial. Pois Movistar+5S, que existe grazas á colaboración das asociacións da discapacidade, os propios usuarios e a compañía WhatsCine, contará cunha media de 420 títulos ao ano co obxectivo de achegar cada mes 35 estreas de cinema e 70 episodios de series.
Para acceder a este novo servizo (de balde e compatíbel cos sistemas operativos iOS e Android) os clientes de Movistar só teñen que descargarse a aplicación Movistar+ 5S e o dispositivo no que se descargaron a app sincronizarase co contido que desexen ver na televisión.
E dende Movistar+seguen anunciando novidades, desta volta para despois do verán está prevista a chegada dun novo recomendador adaptado aos gustos de cada cliente.
Ao longo dos seus primeiros 5 meses, a nova canle exclusiva de Movistar+, #0, incluía entre as súas propostas formatos como: Latexa motiv, Maraton Man, Ilustres ignorantes, Likes, Cando xa non estea, Tabú, Acapella, Minuto #0 ou Informe Robinson e situábase o pasado mes de xuño como a segunda canle de pago máis vista en Movistar+.
E neste primeiro ano de vida Movistar+ traballou arreo e puxo en marcha a produción de series orixinais e colaborou xunto aos grandes nomes da industria española. A xeito de exemplo: La peste, de Alberto Rodríguez ou Vergüenza, de Juan Cavestany e Álvaro Fernández Armeiro con Javier Gutiérrez e Malena Alterio, son dúas das estreas previstas para 2017.

PUBLICIDADE