Primeiras imaxes do novo xogo de Regreso al Futuro
xoves, 25 de novembro do 2010
Para celebrar o
25º aniversario da triloxía cinematográfica Regreso
al Futuro, dende Telltale Games están a traballar
nun videoxogo por capítulos que inicialmente sairá para PC e Mac pasa
saltar logo á PS3 e ao iPad, do que por fin
vemos as súas primeiras imaxes, e parece estar á altura do que podiamos
agardar, achegando unha imaxe realmente carismática de Marty McFly e o doutor
Brown, así coma o clásico DeLorean que empregaban nas películas para viaxar
polo tempo.
Mike Stemmie, un dos deseñadores do xogo, declarou a IGN que «a historia do xogo é
completamente nova, o xogo desenvólvese meses despois dos acontecementos da
terceira película dende a perspectiva de Marty. Por suposto, esta é unha
historia que implica viaxar no tempo, así que, ¿quen sabe onde vai rematar?
Estamos traballando con Bob Gale para asegurar de que estamos entregando unha
experiencia auténtica. Haberá numerosos elementos recoñecibles, por suposto, o
centro da cidade de Hill Valley, a torre do reloxo, o DeLorean, o laboratorio
de Doc, e algunhas cousas máis. E poderédelas ver dun xeito que nunca
experimentariades antes».
Aínda que tanto Doc coma Marty protagonizarán esta nova aventura, o único
personaxe controlable será Marty McFly, e no xogo tomará un papel relevante a recollida
de obxectos e a solución de puzzles (incluso
será posible a combinación de obxectos para dar lugar a novos trebellos).
- O DeLorean non faltará nas novas aventuras de Marty McFly