Prime Video está dispoñible en Chromecast e Android TV e YouTube nos Fire TV

martes, 9 de xullo do 2019 Marcus Fernández

En abril o anuncio de que Amazon e Google enterraban a machada de guerra era unha grande nova que agora materialízase, de xeito que a partires de hoxe é posible ver Amazon Prime Video a través de Chromecast e en dispositivos con Android TV á vez que a aplicación oficial de YouTube pasa a estar dispoñible para os dispositivos Fire TV de Amazon, o que fai que usuarios de dispositivos de Amazon e Google poidan acceder ás plataformas de contidos de ambas compañía sen as barreiras artificiais que non beneficiaban a ninguén.
Este cambio de política non ten unha aplicación inmediata, de xeito que, por exemplo, os televisores (e outros dispositivos) con Android TV irán recibindo a aplicación de Prime Video paulatinamente, mentres que para gozar do servizo de vídeo de Amazon no Chromecast chega con contar coa última versión da aplicación móbil de Prime Video.
No que respecta aos Fire TV, os usuarios destes dispositivos xa non terán que recorrer a un navegador web para acceder a YouTube, senón que xa teñen dispoñible de novo unha aplicación nativa de YouTube, recuperando así a normalidade (xa que tal aplicación xa existía no pasado, pero eliminárase por mor da guerra entre Google e Amazon).

PUBLICIDADE