Preto dun centenar de profesionais asisten ao IV Foro de Tecnoloxía de APD na Coruña
xoves, 8 de maio do 2025
A Cidade das TIC converteuse no epicentro do pensamento estratéxico e a innovación tecnolóxica coa celebración do IV Foro de Tecnoloxía e Negocio, organizado por APD Zona Noroeste co apoio da operadora galega R, Luckia, o Clúster TIC Galicia e a Cidade das TIC, e a colaboración do CPEIG, Ineo e Fuze Tea.
Preto de un centenar de asistentes reuníronse nesta cita destinada a abordar os grandes retos e oportunidades que expón a converxencia tecnolóxica, con especial atención á Intelixencia Artificial, a ciberseguridade, as alianzas estratéxicas e o emprendemento. Baixo o lema Navegar a era da
converxencia, a xornada ofreceu un espazo de reflexión para directivos, expertos e profesionais do sector.
A apertura do encontro correu a cargo de Ana Sánchez, directora de APD Zona Noroeste, e Alfredo Ramos, director en Galicia de R | MasOrange, quen destacou a necesidade de fomentar espazos de coñecemento e colaboración tecnolóxica como este foro, onde xorden novas ideas e alianzas que poden determinar o futuro da comunidade tecnolóxica.
A primeira sesión do día, titulada Claves para xerar valor co uso da IA, deu lugar a un diálogo sobre IA no que participou Manuel González Penedo, director do Centro de Investigación TIC (CITIC) e catedrático en Intelixencia Artificial, conversando con Amparo Alonso, catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña e expresidenta da Asociación Española para a Intelixencia artificial (AEPIA). Ambos reflexionaron sobre o valor e dimensións da IA en termos económicos, laborais, sociais e de toma de decisións, así como a súa aplicación práctica en eficiencia enerxética, loxística e saúde. Subliñaron que cada empresa debe analizar o seu modelo de negocio para identificar que tecnoloxías lle achegan un valor real.
A continuación, celebrouse a mesa redonda Ciberseguridade como piar estratéxico da empresa, moderada por Susana Rey, membro da Oficina de Privacidade e Intelixencia Artificial de MasOrange. Nela participaron Pilar Vila, CEO e co-fundadora de Forensic & Security, e Noemí Gil, directora TIC de CONGALSA. As relatoras insistiron na necesidade de seguir sensibilizando a todos os niveis das organizacións, especialmente á alta dirección, sobre os riscos reais en materia de ciberseguridade. Tamén se puxo de relevo a complementariedade entre a IA a ciberseguridade como binomio clave para protexer a contorna dixital.
Trala pausa do café, o foro continuou co segundo Diálogo Tech, centrado nas alianzas humanas no ecosistema tecnolóxico. Participaron Susana Ladra, vicepresidenta do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), e José Ángel Veiga, director en Galicia de SATEC e membro da directiva do Clúser TIC Galicia. Debatéronse as claves para xerar alianzas sostibles, sinalando a importancia de traballar en proxectos que impacten en toda a cadea de valor. Ademais, subliñáronse os valores da lealdade e o coñecemento como eixos para pasar da competencia á colaboración, e reivindicouse a necesidade de dar visibilidade ao talento e aos perfís técnicos tradicionalmente menos recoñecidos.
A última mesa redonda do día abordou o emprendemento, a conectividade e a tecnoloxía desde o prisma do intraemprendemento corporativo. Moderada por Lourdes Guerra, presidenta da asociación empresarial Ineo, contou coa participación de Abel Álvarez, responsable de produto tecnolóxico de Luckia, e Gervasio Varela, director de Produto e Innovación de Redegal. Ambos compartiron exemplos de iniciativas desenvolvidas nas súas compañías, destacaron o papel fundamental da alta dirección para impulsar unha cultura emprendedora e presentaron fórmulas de retención do talento interno.