Preséntase o Moto Z4 como un móbil actualizable a 5G

xoves, 30 de maio do 2019 Marcus Fernández

O Moto Z3 presentouse coa promesa de que, grazas aos accesorios moto mod podería ser o primeiro móbil do mercado con 5G, e antes de que a nova xeración de telefonía móbil se popularice esta idea de teléfono actualizable a 5G consérvase e renóvase no novo Moto Z4, smartphone que sairá á venda nos EE.UU. o vindeiro 13 de xuño a un prezo de 499,99 dólares (449 euros).
Este teléfono presume de poder ofrecer grandes prestacións a un prezo axustado, coa opción de poder ampliar as súas posibilidades con accesorios, concepto que non parece trunfar, pero que permítelle a Motorola ofrecer un produto claramente diferente ao que estamos afeitos.
O Moto Z4 funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 675, 4 GB de RAM, 128 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 512 GB), pantalla OLED Full HD+ de 6,4 polgadas con lector de pegadas integrado, cámara traseira de 48 Mpíxeles con apertura f/1.7 que consegue luminosas imaxes de 12 Mpíxeles, cámara frontal de 25 Mpíxeles, NFC, radio FM, toma para auriculares, Bluetooth 5.0, Wi-Fi AC, batería de 3.600 mAh con carga rápida de 15 watts, resistencia a salpicaduras, a mencionada compatibilidade cos accesorios moto mod e incluso compatibilidade con lapis dixitalizadores activos de Microsoft (prestación que podería dotar de especial atractivo a este terminal moito máis económico que os móbiles tipo Galaxy Note).

Vídeo promocional do Moto Z4

PUBLICIDADE