Preséntase a web do Congreso Estatal de Astronomía que se celebra en primavera na Coruña

venres, 9 de agosto do 2019 Fernando Sarasketa

Onte presentouse na Domus da Coruña a web e máis a imaxe gráfica do 24 Congreso Estatal de Astronomía, que se celebrará na cidade entre o 30 de abril e o 2 de maio de 2020. Na cita participou o concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, que felicitou á organización do evento (a Asociación Astronómica) por “conseguir que Coruña sexa a sede do primeiro congreso de astronomía que se realiza en Galicia”. Respecto da web, está xa dispoñíbel en www.xxivcea.org achegando información clara e precisa sobre o congreso, o seu programa, o concurso que acubilla e os congresistas que van intervir.
Tamén inclúe acceso a un blog con actualidade ligada á ciencia astronómica e, en termos específicos, ao evento coruñés presentado onte. Igualmente, permítenos formalizar a inscrición para participar no mesmo e achéganos as datas claves que debemos ter en conta no que se refire ao desenvolvemento do congreso, unha cita que, en palabras de Celemín, “serve para fortalecer o carácter científico dunha cidade involucrada desde hai anos na divulgación a través dos seus museos, o MUNCYT e o planetario”, apuntou.
A cita contará coa presenza de científicas de primeira liña como Jocelyn Bell, unha lenda da astronomía e todo un referente para a xente máis nova polo “seu compromiso pola igualdade de oportunidades na ciencia”, salientou o concelleiro, poñendo o foco na importancia de “promover a igualdade e a defensa da diversidade na ciencia”.

PUBLICIDADE