Preséntase Bubok, a nova plataforma de impresión baixo demanda

xoves, 17 de abril do 2008 Marcus Fernández

A web de Bubok facilita a autopublicación de libros

En outubro falamos de que se estaba a preparar unha resposta española a Lulu, e onte a iniciativa de Ángel María Herrera se presentou nun acto con moita presenza mediática e con Alberto Vázquez Figueroa como padriño, de xeito que a web de Bubok cumpre co anunciado e chega a tempo para celebrar o Día do Libro que terá lugar o vindeiro mércores.
Bubok é unha creación de evoluZiona, Secuoyas e Grupo Intercom, e se trata dun sistema de autopublicación e venda de libros que permite que calquera poida cargar ao sistema as súas creacións en formato PDF para obter unha copia impresa e que se poida vender logo a través desta plataforma, o que parece que será explotado especialmente por novos autores, afeccionados ou creacións desenvolvidas na Rede (coma o libro Blogbook, que se poderá mercar a través desta nova plataforma para mellorar a súa distribución).
As obras publicadas en Bubok se poderán mercar en liña tanto en formato físico coma en PDF, recibindo o autor o 80% dos beneficios xerados, e mesmo se permite a opción de que a descarga en formato electrónico sexa de balde. Aínda que iso pareza unha solución apta só para autores descoñecidos, tamén resulta interesante para editoriais con fondos descatalogados, que os poden ofrecer así con esta solución de impresión baixo demanda.
Durante a presentación desta plataforma, Vázquez Figueroa destacou que a impresión baixo demanda é o «mundo do futuro» e amosou a súa sorpresa porque as editoriais aínda non usen esta tecnoloxía.
Polo momento a oferta de textos en Bubok e de pouco máis de 60 títulos, cantidade que podería incrementarse enormemente nas vindeiras semanas, e as obras en formato físico se entregan nun prazo aproximado de 2 semanas. Os prezos destas obras tamén resultan bastante atractivos, e como exemplo podemos pór 2 obras de Vázquez Figueroa: El Perro (de 107 páxinas que se vende a 6,41 euros) e Los ojos del Tuareg (que coas súa 310 páxinas custa 11,05 euros).

PUBLICIDADE