Presentan unhas lentes de realidade aumentada que chegarán ao mercado a prezos asumibles

martes, 11 de agosto do 2020 Marcus Fernández

A realidade aumentada está a ter moi complicado o chegar ao mercado de consumo, e mentres as HoloLens de Microsoft parecen limitadas a solucións profesionais e as prometedoras Magic Leap reducen as súas expectativas e tamén pivotan cara a mercados profesionais, dende a chinesa Nreal non tiran a toalla, e tras anunciar o ano pasado as lentes Nreal Light MR, que prometían realidade mixta nun produto lixeiro e compacto, moi afastado dos voluminosos cascos da competencia, amosan finalmente a súa versión para o mercado de consumo, que sairán á venda este mesmo mes en Corea do Sur.
Esta solución de realidade aumentada chegará ás tendas o 21 de agosto, e venderase como produto autónomo a un prezo de 699.000 wons (501 euros), aínda que de adquirir as lentes cun smartphone Samsung Galaxy Note20 ou LG Velvet cun plan de datos 5G o prezo quedaría en 349.500 wons (251 euros), converténdose nun produto moi asumible para estarmos a falar dunha tecnoloxía tan avanzada.
As Nreal Light teñen unha aparencia semellante a unhas lentes de sol, e analizan o contorno do usuario para proxectar imaxes sobre o mesmo dando unha impresión de integración, o que permitiría ver vídeos, xogar, consultar páxinas web e gozar de redes sociais en pantallas virtuais. As lentes tamén inclúen unha cuberta de cor escura para tapar a realidade e que así as lentes teña un comportamento semellante ao dun casco de realidade virtual, aínda que máis limitado, xa que o campo de visión sería de só 52 graos.
O feito de que as lentes de Nreal poidan integrar aplicacións de Android no contorno virtual fai que este produto teña utilidade dende o primeiro momento, empregándose inicialmente o smartphone como sistema de control (como se fose un trackpad) aínda que no futuro podería ser posible o control mediante o seguimento das mans ou empregando mandos como os dos cascos de realidade virtual.
Aínda que polo momento estamos a falar dun produto limitado ao mercado surcoreano, é posible que saia á venda en Europa antes do remate do ano.

PUBLICIDADE