Presentan un xerador de emerxencia que pode cargarse con enerxía solar

luns, 7 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Goal Zero presentou onte un xerador solar portátil, o Yeti 150, que cun peso de menos de cinco quilos e medio pode resultar ideal para emerxencias ou para ir de excursión. O Goal Zero Yeti 150 integra unha batería de 150 W/h que inclúe tomas de corrente alterna, de corrente continua a 12 voltios e portos USB, de xeito que pode servir para cargar ou operar dende os nosos dispositivos de electrónica de consumo ata calquera outro produto que funcione con corrente eléctrica que non precise dunha potencia excesiva, co grande vantaxe de que pode cargarse completamente en 15 horas cun panel solar incluído nun lote que van pór á venda por 399,95 dólares (306,70 euros).
Cómpre destacar que estamos ante unha solución portátil para usos puntuais, pois para casos máis críticos o mesmo fabricante xa presentou hai uns meses o Yeti 1250, que seguindo a mesma filosofía multiplica por 8 a súa autonomía (quintuplicando o seu prezo), podendo empregarse incluso para manter activo un frigorífico durante unha caída do fluído eléctrico, coas vantaxes propias desta tecnoloxía, que van dende a sustentabilidade que achegan polo uso dunha fonte de enerxía renovable ata a comodidade (sen ruído) e seguridade (sen fumes nin combustión) que poden supor outros xeradores de emerxencia.

PUBLICIDADE