Presentan un ordenador todo-en-un con procesador de 10 núcleos e gráfica GTX 1080

mércores, 1 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Nas últimas semanas vimos a chegada ao mercado das novas gráficas nVIDIA GeForce GTX 1080 e dos novos procesadores Intel Core i7 de 10 núcleos, que elevaban os teitos das gráficas e dos procesadores orientados ao gaming, e aínda que resulta evidente que non estamos ante un hardware ao alcance da meirande parte de petos, xa hai fabricantes que ousan a telos en conta, e Digital Storm incluso chega a configurar ordenadores todo-en-un con este hardware.
Os novos equipos Aura intégranse nunha pantalla ultra-panorámica de 34 polgadas cunha resolución de 3.440 x 1.440 píxeles, conseguindo instalar no seu interior hardware propio de ordenadores de sobremesa, e non limitándose a compoñentes de portátil como na meirande parte dos todo-en-un, polo que consegue casar un deseño elegante cunha potencia de infarto.
Estes novos ordenadores parten dunha configuración básica cun procesador Intel Core i5, 16 GB de RAM e gráfica GeForce GTX 960 con 4 GB de memoria a un prezo de 1.999 dólares (1.791 euros), pero o máis rechamante é o equipo tope de gama, que introduce os novos procesadores Intel Core i7-6950X de 10 núcleos, 32 GB de RAM (DDR4 a 2.6666 MHz) e unha gráfica GeForce GTX 1080 con 8 GB de memoria mantendo o seu prezo nuns relativamente axustados 4.998 dólares (4.478 euros), o que é unha cantidade que pode parecer moi esaxerada, pero que sitúase claramente no máximo ao que pode aspirarse cun ordenador destas características actualmente.

Pese a estarmos ante un equipo todo-en-un, Digital Storm conseguiu integrar unha gráfica completa no monitor de 34 polgadas do seu novo Aura

PUBLICIDADE