Presentan os 17 casos de uso da 5G que se desenvolverán en Galicia

mércores, 18 de setembro do 2019 Redacción

A Cidade da Cultura acolle hoxe a Xornada Os retos do 5G en Galicia. Casos de uso, na que se presentan os 17 casos de uso 5G que se van a desenvolver na nosa terra. O encontro foi inaugurado pola directora da AMTEGA, Mar Pereira, e o CEO de Mobile World Capital Barcelona, Carlos Grau, que previamente formalizaron un acordo para establecer diferentes liñas de colaboración entre o Observatorio Nacional 5G e a AMTEGA no marco do Plan Galicia 5G.
A directora de AMTEGA destacou que, coa posta en marcha do Plan Galicia 5G «conformamos un ecosistema e un contexto que favoreceu a aposta dos operadores por Galicia para desenvolver as súas iniciativas de 5G». Neste sentido, Mar Pereira lembrou que en maio a Comunidade foi o territorio escollido para a primeira conexión 5G en roaming a nivel internacional; que en xuño Vigo e A Coruña foron das primeiras cidades en contar con redes 5G e que Galicia, é xunto con Andalucía, unha das comunidades nas que levarán a cabo pilotos desta tecnoloxía subvencionados por Red.es.
Pola súa banda, Carlos Grau, CEO de Mobile World Capital Barcelona, concluíu que estamos a situar a España nunha posición de liderado en tecnoloxía 5G a nivel europeo. En concreto, para Grau, «temos unha enorme oportunidade e só poderémola aproveitar se somos capaces de dinamizar ben a todos os axentes do ecosistema, desde empresas á administración, pasando por operadores, fabricantes e mesmo, todo o colectivo emprendedor do país».

Casos de uso do Nodo 5G

No marco do Nodo 5G impulsado pola Comunidade xa se concretaron cos tres principais operadores un total de 9 casos de uso no ámbito sanitario, na loita contra incendios e emerxencias, así como nos sectores da automoción, a industria, a educación e o turismo:
Saúde
No ámbito sanitario pilotarase a capacidade do 5G para mellorar a accesibilidade a centros sanitarios de áreas rurais, de forma que poidan enviar imaxes de equipos de diagnóstico, ter acceso ultrarrápido ao historial clínico do paciente, a consultas remotas co hospital de referencia ou a monitoraxe remota de pacientes en domicilio.
Outro caso de uso será o soporte remoto para urxencias sanitarias, que permitirá, por exemplo, ao persoal médico visualizar en remoto ao ferido mediante unhas lentes wearables, con calidade de alta definición, sen interrupcións e con baixa latencia.

Incendios e emerxencias

No ámbito das emerxencias empregarase 5G para o envío de vídeo, imaxe e parámetros en tempo real aos centros de atención ás emerxencias.
Outro caso de uso 5G aplicarase á extinción de incendios con solucións baseadas no uso de roupa intelixente dotada de sensores que permitirán captar e compartir en tempo real información ambiental, imaxe e vídeo en alta calidade e acceder a cartografía en tempo real.

Automoción e industria

Aplicarase o 5G ao coche conectado para incrementar a seguridade e comodidade dos vehículos autónomos, implementando solucións para mellorar a interacción do vehículo cos sensores e información das vías.
Por outra banda, pilotarase un sistema de control de acceso e vixilancia avanzada por recoñecemento facial e matrícula de vehículos no porto de Vigo, que permitirá a autenticación dos usuarios e vehículos con acceso permitido ao recinto.

Educación, Turismo e Audiovisual

No ámbito educativo pilotarase un campus virtual para facilitar o seguimento das clases fora da aula. A través de vídeo streaming retransmitiranse contidos didácticos de moi alta calidade aos que se superporán contidos virtuais, de modo que os estudantes en remoto terán a sensación de asistir in situ ás aulas.
Outro caso de uso será a aplicación do 5G ao ámbito turístico, mediante a instalación de cámaras 360 graos en enclaves estratéxicos que transmitirán imaxes en tempo real, ás que se lles aplicarán técnicas de realidade aumentada, o que proporcionará ao usuario a sensación dunha visita real.
No eido audiovisual probarase a capacidade do 5G para as retransmisións en directo de eventos en ultra alta definición.

PUBLICIDADE