Mañá presentan no CNTG un encerado interactivo sen sombra

mércores, 14 de setembro do 2011 Redacción

O Centro Demostrador TIC de Galicia (sito no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia en Santiago de Compostela) acolle mañá xoves, 15 de setembro, unha sesión demostradora do Encerado Interactivo Sen Sombra, na que D. José J. Nimo Silva presentará aos asistentes unha nova superficie de proxección que permite un triple uso: o de pantalla convencional de proxección, o de encerado para uso con rotuladores e a modalidade de pizarra Interactiva con dispositivos de Infravermellos ou ultrasóns. O carácter innovador deste produto tecnolóxico ven dado porque evita as sombras producidas pola persoas que o está a empregar.
A sesión, que se celebrará de 11:00 a 13:30 horas, contará coa participación do profesor da área de Radioloxía e Medicina Física da Universidade da Coruña Javier Pereira Loureiro en calidade de Caso de éxito, que compartirá cos asistentes a súa experiencia no uso dese encerado. Por último, a sesión rematará coa exposición de contidos educativos por parte da empresa galega Galebook.
A demostración vai dirixida aos profesionais e directivos de Centros Educativos, centros de Educación Especial para Persoas con Discapacidade e Autoescolas, entre outros, que poderán probar de forma práctica este innovador produto tecnolóxico.
As empresas ou persoas interesadas poden inscribirse a través da páxina web do Centro Demostrador TIC.

PUBLICIDADE