Presentan as novidades que achegará Xbox nos vindeiros meses

luns, 14 de xuño do 2021 Marcus Fernández

Nas datas nas que se celebra habitualmente a feira E3 Microsoft sempre fan unha grande presentación dos seus futuros lanzamentos no ámbito dos videoxogos, e tras a incorporación de Bethesda aos estudios da compañía este evento resultaba aínda máis interesante, e este domingo celebrouse baixo o título de Xbox & Bethesda Games Showcase, achegando detalles sobre os seus vindeiros xogos e demostrando unha vez máis a grande aposta polo servizo de subscrición Xbox Game Pass.
O calendario de lanzamentos de xogos no Game Pass é do máis destacado de toda a presentación, combinando títulos de relativa importancia (Aragami 2, Hades, Yakuza Like A Dragon, Among Us, Sable...) con auténticos obuses (Flight Simulator, Age of Empires IV, Forza Horizon 5 e Halo Infinite). Precisamente no caso do Flight Simulator, que poderá funcionar en Xbox Series X|S, destacaron que tamén podería xogarse en Xbox One a través do servizo na nube de Xbox, tratamento que tamén recibirían outros xogos no futuro, o que é unha magnífica nova para quen non teña previsto dar o salto á nova xeración de consolas a curto prazo, podendo gozar igualmente de novos lanzamentos.
Dos xogos exclusivos de Xbox podemos destacar que Halo Infinite por fin volve ao rego, e vai camiño de lanzarse este mesmo ano, e incluso anunciaron que terá un modo multixogador free-to-play que estará dispoñible en consolas, PC e xogo na nube.
Desvelouse un xogo de acción en primeira persoa desenvolvido por Arkane, o equipo detrás de Prey e Dishonored, que chamarase Redfall, e sería exclusivo para Xbox Series X|S e PC que permitirá a un único xogador ou a un equipo de até 4 xogadores xuntarse para enfrontase a unha lexión de vampiros.
Pero o máis agardado da presentación para moitos foi saber algo de Starfield, título de Bethesda que pon inicio a unha nova franquía, coa intención que poida chegar a ter a relevancia de The Elder Scrolls ou Fallout, e que inaugurará unha nova xeración de xogos de rol que transcorrerá entre as estrelas nun xogo épico que verá a luz o 11 de novembro para Xbox Series X|S e PC. Posiblemente esteamos ante o grande exclusivo de Microsoft, que axudaría a soster a nova xeración de consolas Xbox fronte ao pulo de PlayStation.

PUBLICIDADE