Presentan a xeración 1.5 do OLPC XO-1

luns, 20 de abril do 2009 Marcus Fernández

O proxecto OLPC estreouse co seu equipo XO-1, que funcionaba cun procesador AMD Geode, pero este equipo non vai permanecer estático no tempo, de xeito que veñen de anunciar unha actualización que dan en chamar como xeración 1.5 e que incorpora un procesador VIA C7-M que pode funcionar ata a 1 GHz, con 1 Gb de DDR2 SDRAM e unha unidade de almacenamento Flash de 4 Gb (con opción de 8 Gb).
O procesador do equipo pode funcionar nun rango de velocidades de entre 400 MHz e 1 GHz, o que permite situar o seu consumo entre 1,5 e 5 W. Tamén incorporará o chipset VX855 que permitiría o proceso de gráficos 3D, vídeo en alta definición e outras funcións mantendo un baixo consumo (enerxético e de recursos), aínda que haberá que agardar a agosto para ver os primeiros prototipos de proba.
Haberá que agardar se esta mellora de hardware servirá para dar un pulo a este iniciativa que parece estar moi lonxe do seu éxito.

PUBLICIDADE