Presentado en Ferrol o proxecto TIC europeo ER-INNOVA

xoves, 27 de maio do 2010 Raquel Noya

Representantes das pequenas e medianas empresas do sector das enerxías renovables do noso país e directivos dos centros tecnolóxicos da metalurxia galega (AIMEN), veñen de encontrarse hoxe en Ferrol con persoal investigador das tres Universidades galegas, que, ao igual que os anteriores colectivos, acudiron á cidade costeira para asistir á xornada de captación de empresas para o proxecto europeo ER-INNOVA, organizada pola Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, a través da súa Oficina de Programas Internacionais de I+D+i (OPIDi).
A xornada, que tivo lugar no CIS-Galicia, tiña como principal obxectivo incrementar o número de adhesións de empresas do sector das enerxías renovables ao devandito proxecto, un proceso que xa se iniciara no pasado mes de marzo en Ourense e que terá continuidade con outra xornada de captación no vindeiro mes de xuño en O Porto.
Rosa Núñez, do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), lembroulles ás persoas asistentes a directiva da Unión Europea, “que fixa nun 20 por cento do total a enerxía consumida procedente de fontes renovables para 2020”.
Neste senso, o proxecto europeo ER-INNOVA, cuxa presentación correu da man dos partners españois, ten como obxectivo mellorar a competitividade das PEMES do sector das enerxías renovables da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal a través das tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC).
Este está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da UE ao amparo do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013, cunha financiación total de 931.693,68 euros.
Baixo o lema A enerxía das TIC, o proxecto estase a materializar nun programa piloto de implantación de ferramentas tecnolóxicas en aproximadamente un cento de PEMES, coa intención de estenderse a continuación a todo o sector das renovables e mesmo ser obxecto de transferencia a outros ámbitos de actividade, coas adaptacións necesarias.
Unha das ferramentas é un portal web colaborador que constituirá o punto de encontro e información para a promoción da participación conxunta dos axentes do sector enerxético en proxectos de I+D+i e para o impulso dun mercado virtual de intercambio de bens e servizos entre os axentes do sector das enerxías renovables. Tal e como explicaron os socios do proxecto, o portal poñerase en marcha en breve e estará aberto non só a PEMES senón tamén a centros tecnolóxicos e universidades.
Os socios do proxecto son, ademais da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, a través de OPIDi, o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole); a Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET) e NET Novas Empresas e Tecnoloxias, S.A.-Business and Innovation Centre de Porto (NET-BIC Porto).

PUBLICIDADE