Presentada no Campus de Pontevedra unha web con máis de 300 proxectos de tecnoloxía e moda

luns, 27 de marzo do 2017 Redacción

O grupo de investigación DX7, con base de operacións na Facultade de Belas Artes do Campus de Pontevedra, vén de presentar un ambicioso proxecto que centra o seu foco no fértil terreño onde se interrelacionan e enriquecen mutuamente o deseño téxtil e a creatividade tecnolóxica. Trátase da web Design & Fashion Future Lab, unha base de datos que xunta nun único acubillo, plenamente accesíbel, máis de 300 proxectos de fusión entre tecnoloxías e moda. A páxina, posta en marcha ao abeiro dunha iniciativa financiada polo Ministerio de Economía e Competitividade, xorde coa arela de “mapear proxectos desenvolvidos en diferentes países”. Trátase pois dun mapa do mundo que non rexistra países, senón creatividade sen fronteiras.
A web foi dada a coñecer este luns por Lola Dopico, investigadora principal do grupo DX7, e Silvia García, decana da devandita facultade. A cita celebrouse na Casa das Campás e alí fíxose un repaso por algúns dos proxectos acubillados na base de datos, algúns ligados a investigacións académicas e outros ao traballo de deseñadores e firmas en eidos como os biotecidos, wearables ou o desenvolvemento de elementos téxtiles interactivos.
Tamén se deron a coñecer os dous obxectivos principais do proxecto. Por unha banda, promover que os deseñadores e profesionais da moda “empecen a utilizar ferramentas de carácter tecnolóxico e achegalos ao territorio dos wearables, ao concepto de tecnoloxía para vestir”, o que deu pé a “seminarios e laboratorios dos que iremos vendo resultados en vindeiras exposicións”. Polo que respecta ao segundo obxectivo, ten a súa raizame no amplo abano de investigadores e profesionais que fixeron posíbel o proxecto (especialistas en arte, en cultura dixital, en deseño gráfico, en moda ou en didáctica das artes plásticas, aos que cómpre sumar un amplo elenco de colaboradores: deseñadores, artistas, artesáns e expertos) e na necesidade colectiva de “facer revisión”, de crear unha fronte común e, ao mesmo tempo, de amosar, visualizar e mapear o que fan os compañeiros de profesión a nivel internacional.
Polo que respecta a autores e iniciativas concretas rexistradas, hai traballos impulsados por firmas como por exemplo Balenciaga, Louis Vuitton, Chanel ou Prada, xunto con “experiencias moito máis vencelladas á investigación académica”. Todo isto forma o miolo dunha base de datos que, como explicou Dopico, complétase cun “mapa visual, que nos permite facer unha cronoloxía das pezas”. Así, a ferramenta posibilita coñecer tanto “proxectos pioneiros”, como o traballo realizado pola deseñadora Diana Drew na década de 1960, como a expansión que se produciu neste eido na década de 1990, “a través de pezas que xa son históricas como as de Hussein Chalayan”, até chegar a iniciativas que se desenvolven na actualidade.
Trátase así mesmo, como sinala Dopico, dun proxecto vivo, que irá sumando novas entradas á base de datos. “De momento, séguense cargando diariamente as investigacións que imos atopando, este é un territorio que está en espallamento e polo tanto a ferramenta vai seguir medrando, porque é necesario que así sexa”, salientou a investigadora.

PUBLICIDADE