Presentada en Compostela a Axenda Dixital 2014.gal

venres, 25 de xuño do 2010 Raquel Noya

“Un reto sen precedentes na Administración Autonómica”. Así cualificou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a Axenda Dixital de Galicia 2014.gal, a última iniciativa en materia de novas tecnoloxías desenvolvida polo noso Executivo que foi presentada hoxe mesmo perante os medios de comunicación do país.
O programa apóiase no potencial das novas tecnoloxías e Internet para achegarlle beneficio a toda a cidadanía por igual, e sen facer ningún tipo de excepción. Algo que de cumprirse o proxecto inicial acadaría o Goberno galego nun prazo de catro anos.
Crear máis de 12.000 postos de traballo e xerar o 6 por cento do PIB son dous dos principais obxectivos desta iniciativa, a cal supón ao mesmo tempo unha oportunidade social que nos permitirá, segundo palabras do presidente, “abandonar o vagón de cola en materia tecnolóxica e levarnos á cabeza de España e Europa”.
Dende o neno que se conecta a Internet para recadar información de utilidade para a escola, ata a empresaria que integra a factura electrónica no seu negocio, pasando polo pai que fala cos seus fillos por videoconferencia ou o avó que se comunica cos seus amigos da infancia mediante o e-mail, todos e cada un deles sairán beneficiados coa Axenda 2014.gal, unha ferramenta que está chamada a ser un dos principais motores de crecemento do noso país nos vindeiros anos e que supón unha aposta única do Executivo para mellorar a nosa autonomía e presenza global.
Para isto, a Xunta vai investir un total de 1.600 millóns de euros, que servirán, entre outras cousas para xerar emprego e riqueza, construír unha Administración máis eficaz e próxima, capacitar a toda a cidadanía para o mercado global, modernizar as infraestruturas de telecomunicacións existentes e reducir a fenda dixital mediante a xeración de máis e mellores redes de nova xeración.
A intención é, por unha banda, aumentar o coñecemento e a capacitación tecnolóxica dos galegos e galegas, e pola outra, modernizar a Administración para facela máis áxil e achegada á sociedade. Este segundo obxectivo, que non tería sentido sen o primeiro, fará posible que a cidadanía se relacione coas institucións de maneira totalmente telemática, as 24 horas do día e os 365 días do ano.
Para isto, e segundo indicou Feijóo, coa devandita Axenda preténdese que para o 2014, “todos os expedientes administrativos poidan ser tramitados por Internet e o 100 por cento dos funcionarios públicos teñan competencias dixitais para conseguir unha verdadeira Administración electrónica”.
Asemade, 2014.gal é un motor de innovación que recolle a creación dunha “Factoría de Emprendedores TIC” que axude a este colectivo a converter as súas ideas en materia de Tecnoloxías da Información en empresas reais; e inclúe a posta en marcha dun Sistema de Compra Pública de Tecnoloxía Innovadora para que as administracións dispoñan de solucións avanzadas para fomentar a innovación no sector TIC.
Por certo que 2014.gal tamén achega solucións en materia de calidade de vida e cohesión social. Deste xeito, constituirase un Servizo Integral de Atención ao Maior, unha resposta ás crecentes necesidades no eido sociosanitario que pasa polo aproveitamento do potencial das TIC para prestar servizos no domicilio.
Así mesmo, incentivarase tamén o fogar dixital, un modelo no que se utilicen intensivamente os elementos de seguridade, confort e aforro enerxético baseados nas TIC. O que significa: servizos de teleasistencia, maior seguridade e eficiencia enerxética.
En definitiva, todo un abano de posibilidades que levarán o noso país a cambiar o seu modelo de economía produtivo a un modelo de economía sustentable e innovador.


Intervención do presidente da Xunta

PUBLICIDADE