Preparan unha funda para iPhone 5 con pantalla de papel electrónico

xoves, 29 de novembro do 2012 Marcus Fernández

Cada vez vemos máis curiosidades tecnolóxicas nacidas do crowdfunding, e desta volta, en vez de achegarnos a Kickstarter imos cara a Indiegogo, plataforma na que están a buscar financiamento para o proxecto popSLATE, que consiste nunha funda para o iPhone 5 que na súa parte traseira inclúe unha pantalla de papel electrónico e que pretende venderse a mediados de 2013 a un prezo de 119 dólares, aínda que os usuarios que fagan a compra anticipada poderían conseguila por prezos que parten dos 79 dólares.

JPEG - 45.1 KB
A funda contará cunha aplicación para que elixamos a imaxe que queremos que amose a pantalla de e-Ink integrada

A funda popSLATE fai uso dunha aplicación para iPhone na que podemos elixir a fotografía que queiramos para imprimila na súa parte traseira cando queiramos, manténdose visible ata que a mudemos sen consumir enerxía do mesmo xeito que acontece cos eReaders, conseguindo un nivel de personalización inédito en fundas para móbiles.
Teñen previsto vender esta funda de menos de 75 gramos de peso en cor branca ou negra, e están a buscar financiamento para conseguir integrar neste accesorio a tecnoloxía de papel electrónico máis moderna e coa resistencia necesaria para soportar o castigo habitual que reciben as fundas de móbil. Non parece que vaian ter problemas para conseguir o financiamento, pois a 47 días de rematar a campaña de crowdfunding xa conseguiron a terceira parte do obxectivo económico fixado (150.000 dólares).


Vídeo de presentación do proxecto de crowdfunding popSLATE

PUBLICIDADE