Preparan un ordenador todo-en-un que replicará a aparencia dun Commodore 64

venres, 27 de agosto do 2010 Marcus Fernández

Algunhas marcas resístense a desaparecer, e ao igual que Atari goza dunha segunda vida, con Commodore está a pasar algo semellante, e baixo esta marca véndese ordenadores todo-en-un coma os Commodore Phoenix, Invictus e Amigo, que destacan por integrar un equipo completo baixo o seu teclado (cando a práctica habitual consiste en agochar os compoñentes tras a pantalla) o que tería certas utilidades de cara á reprodución multimedia (ou sexa, para empregar o ordenador nun televisor, como a finais dos anos 80). Seguindo na mesma liña, Commodore vén de autorizar a fabricación do Commodore PC64, que destacará pola súa aparencia externa: unha réplica da carcasa beixe do clásico Commodore 64.
A compañía que fabricará o equipo é unha subsidiaria de Asiarim Corp, e funcionará cun procesador Intel Atom 525 con gráficos nVIDIA Ion2, 4 Gb de RAM, 1 Tb de disco duro, saída HDMI, unidade óptica de DVD (Blu-ray opcional), DVI dual-link, 6 portos USB, Wi-Fi N, Bluetooth e lector de tarxetas de memoria.
Aínda que este tipo de equipos xa teñan bastante competencia no mercado, a aparencia retro deste novo equipo que debería chegar ao mercado antes do Nadal podería xogar un factor decisivo á hora de facerse un lugar nos fogares dos seus compradores potenciais.

PUBLICIDADE