Preparan un módulo para converter o Moto Z nun walkie-talkie

venres, 17 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

Aínda que os smartphones modulares non están a ter boa acollida e a meirande parte dos conceptos de móbil deste tipo están a desbotarse antes de ver a luz por considerar que non atenden a unha demanda real do público si hai algún terminal que conseguiu ver a luz, como o Moto Z, para o que Fantom Dynamics quere facer realidade o Linc Smart Walkie-Talkie MotoMod, ou sexa, un módulo que permite transformar o smartphone nun walkie-talkie, facilitando as comunicacións durante emerxencias ou en lugares afastados onde a cobertura de telefonía móbil é mala ou incluso inexistente.
Este accesorio presume de converter o Moto Z no primeiro walkie-talkie que pode considerarse smart e que inclúe mensaxes de texto, función para compartir a posición GPS, selector de canles e outras funcións, buscando actualmente financiamento a través de Indiegogo, plataforma de micromecenado a través da que buscan xuntar 12.000 dólares. A achega máis baixa para poder recibir un Linc Smart Walkie Talkie sería de 159 dólares aos que habería que sumar 70 dólares de gastos de envío (ou sexa, uns 216 euros) e os mecenas poderían conseguir o produto final a partires do vindeiro mes de decembro.
O Linc Smart Walkie Talkie ten unha cobertura de 5-6 millas (uns nove quilómetros e medio), permite establecer comunicacións 1 a 1 ou de 1 para varios tanto de voz como de texto, funciona nas bandas VHF e UHF, permite lanzar sinais de socorro e a súa batería de 1.500 mAh achegaría unha autonomía de até 20 horas en espera. Temos así un produto que pode resultar interesante para os amantes das aventuras, que queiran gozar dun sistema de comunicación avanzado, que poderá xestionarse a través dunha aplicación instalada no Moto Z, sendo a súa principal eiva a súa dependencia dun modelo concreto de smartphone (non precisamente popular).

Vídeo promocional da campaña de micromecenado do Linc Smart Walkie-Talkie MotoMod

PUBLICIDADE