Premiere Pro contará cunha función de reencadramento automático

venres, 13 de setembro do 2019 Marcus Fernández

Hoxe bota a andar a feira IBC 2019 en Amsterdam, un dos grandes eventos internacionais de tecnoloxía audiovisual, que Adobe aproveita para dar a coñecer boas prácticas con Premiere Pro CC, e incluso unha nova prestación que chegará en breve e que será toda unha revolución: o reencadramento automático ou Auto Reframe.
Estamos ante un efecto de vídeo dentro de Premiere Pro que fai uso de tecnoloxía de intelixencia artificial para aforrar moito tempo ao adaptar contidos en distintas relacións de aspecto (16:9, 1:1, 9:16). Deste xeito, cando collemos un vídeo gravado en panorámico, podemos adaptalo a formatos máis propios das redes sociais, como o vídeo cadrado e o vídeo vertical, para o que normalmente habería que dividir o vídeo nos seus distintos planos, para logo facer que enchan a pantalla perdendo boa parte da imaxe, o que forza a un reencadramento para que resulte visible a parte máis importante do vídeo (normalmente a persoa que protagoniza a acción).
A nova funcionalidade de Premiere Pro analiza o vídeo que queremos transformar, e realizar todo o proceso de encadramento de xeito automático, permitindo que o usuario poida realizar logo os axustes finais, aforrando moito tempo na edición de vídeo e facendo que a optimización de contidos para as redes sociais sexa un procedemento moito máis áxil.

Vídeo no que podemos ver como se realiza o reencadramento automático en Premiere Pro

PUBLICIDADE