«Precisamos fortalecer as infraestruturas telemáticas e de computación» – Suso Baleato

mércores, 5 de agosto do 2020 Marcus Fernández

Suso Baleato, doutor en Ciencia Política, enxeñeiro Linux, investigador asociado da Harvard University (EE.UU.) e profesor posdoutoral na USC, destacou en 2016 por participar nun traballo sobre a discriminación dixital dos grupos excluídos politicamente plasmado nas páxinas da revista Science, polo que quixemos falar con el de varios temas que non cesan de pórse de actualidade periodicamente.

– Dende o punto de vista do público, continúan a existir grandes eivas no acceso á Información? Que sería máis preocupante: a dificultade de contar con acceso á tecnoloxía en si mesmo (equipamento, conectividade...) ou á información en si mesma (ofuscada en moitas ocasións tanto de xeito conscientes ou pola mera abundancia)?
– A información dixital non existe no aire, é unha realidade material que consume enerxía e circula a través de infraestruturas de telecomunicacións que son tan físicas como os móbiles que empregamos para utilizalas. Aproximadamente a metade da poboación mundial continúa sen acceso a Internet de ningún tipo, e mesmo no caso das economías avanzadas a distribución da conectividade é desigual: basta pensar no caso galego nas diferenzas entre áreas rurais e urbanas. As cuestións sobre a calidade da información ou da capacidade da poboación para analizala son importantes, pero só poden responderse tendo en conta a distribución da conectividade. Sen estatísticas de conectividade o suficientemente precisas non é posible responder cientificamente ás cuestións sobre a dixitalización. Niso precisamente consistiu o traballo que publiquei en Science, e que logrou demostrar a existencia de discriminación dixital precisamente na provisión de acceso a Internet.

– Unha das ferramentas políticas que están a resultar máis efectivas son as falsidades, que axudan a introducir na cidadanía ideas baseadas en principios falsos ou, como mínimo, pouco obxectivos. Como podemos loitar contra esta tendencia? Porque educar no escepticismo só funcionaría a moi longo prazo, e non parece razoable pasar décadas padecendo as consecuencias dunha realidade deformada por discursos de odio que poden provocar a consolidación de movementos políticos que parecían cousa do pasado.
– O da desinformación non é un fenómeno novo, excede o ámbito das campañas electorais, e non pode abordarse sen ter en conta aos medios de comunicación de masas. Lembremos o caso do recente coronavirus, cando en cuestións de semanas os media masivos pasaron de tratalo como unha grave ameaza a convertelo nunha simple gripe evitable lavando as mans: é lóxico que ante estes bandazos a poboación perda a confianza nos medios e nas institucións, como así sucede. As redes poden actuar amplificando estes efectos negativos porque son propicias para a viralización da información en determinadas capas da poboación, e nese ámbito específico é onde pode e debe actuarse. No curto prazo penso que a aproximación da Unión Europea pode ser a mais efectiva neste sentido, involucrando aos intermediadores de información, incluída a profesión xornalística, e incrementando os investimentos en investigación para mellorar a detección e tratamento da desinformación mediante solucións híbridas que involucran tanto algoritmos de intelixencia artificial como revisión humana. No medio prazo é preciso recuperar a credibilidade perdida polas institucións prescritoras de verdade, en especial os medios de masas e as prácticas científicas que supeditan os criterios de relevancia e veracidade a intereses partidarios e accionariais. No longo prazo a solución require reorientar o sistema educativo para supeditar a lóxica da maximización do beneficio accionarial ao benestar social, reforzando a autonomía de discernimento da poboación.

– Un dos ámbitos tecnolóxicos onde estiveches moi involucrado foi o do software libre. Iniciativas como Mancomún contribuíron a dar certa visibilidade a un movemento que podemos ver como filosofía ou como modelo de negocio. Botando unha mirada en perspectiva, e aínda que dende as Administracións Públicas exista un discurso favorable ao software libre, estamos nunha mellor situación que antes?
– Debo recoñecer que a de Mancomún foi unha experiencia moi satisfactoria, que ademais obtivo recoñecemento internacional pola capacidade para contribuír tanto ao desenvolvemento económico como á sustentabilidade do idioma. O mais satisfactorio foi ver como aquelas iniciativas atoparon continuidade pese aos sucesivos cambios de goberno, especialmente o programa Abalar que formulamos e financiamos naquel contexto. Penso que boa parte deste éxito radicou en involucrar dende o principio a todos os actores relevantes, dende a industria ás asociacións, poñendo o software libre ao servizo do interese común do país. Penso que sería importante reforzar estas iniciativas cunha imbricación mais activa do sector tecnolóxico e a sociedade civil galegas, pois o software libre é hoxe dominante en sectores tan importantes como a intelixencia artificial ou a ciencia de datos, das que dependerá a modernización dos nosos servizos públicos e sectores industriais.

– Onde consideras que é máis importante actuar: na disposición de ferramentas informáticas abertas ou nos datos abertos?
– As dúas cuestións van da man, e habería que engadir outras dúas. Os datos por si mesmos carecen de valor, pois só teñen utilidade cando podemos estruturalos e poñelos en contexto, e o mesmo sucede coas ferramentas. Por exemplo no caso da intelixencia artificial, de pouco vale dispoñer do código fonte dos algoritmos de aprendizaxe se non dispoñemos dos datos precisos para adestralos e mellorar o seu rendemento. Precisamos datos abertos, precisamos ferramentas abertas, e precisamos dúas cousas mais: precisamos fortalecer as infraestruturas telemáticas e de computación para que sexan capaces de escalar a demanda tecnolóxica do país, e precisamos tamén desenvolver as capacidades e habilidades necesarias para poñer en valor eses datos, esas ferramentas e esas infraestruturas. Afortunadamente en Galicia dispoñemos dos elementos precisos: programas de formación universitaria capaces de responder á demanda tecnolóxica en áreas como a ciencia de datos ou a intelixencia artificial; dispoñemos dun sector tecnolóxico consciente das oportunidades e retos da nosa economía; e dispoñemos dunha capacidade de autogoberno que nos permite orientar as políticas públicas tecnolóxicas de forma eficiente. Pensemos por exemplo na automoción, e a necesidade da nosa industria para adaptarse aos cambios tecnolóxicos como os vehículos autónomos; nos procesos de sensorización asociados á Internet das cousas, á loxística e as Smart Cities; a automatización de procesos industriais da man da robótica; ou os potenciais usos das tecnoloxías de rexistro distribuído como Blockchain en campos como a trazabilidade alimentaria ou a eficiencia enerxética. Agora que imos estrear lexislatura é un bo momento para reflexionar estas cousas.

PUBLICIDADE