Praza.gal lanza en decembro nova feitura e nova revista dixital: Vinte

luns, 3 de decembro do 2018 Redacción

Praza.gal, o xornal dixital galego, está a preparar importantes novidades logo de sete anos de intenso percorrido redeiro, tanto en materia de feitura externa (redeseño integral) coma no fondo (máis contidos, máis canles de seu). En termos máis concretos, a nova vida do medio galego chega da man de Vinte, a nova revista online de sociedade, cultura e tendencias asociada a Praza.gal. A chegada desta publicación, e máis da andaina renovada de Praza Pública, están previstas para o vindeiro 11 de decembro.
Os detalles principais sobre estas iniciativas foron presentados polo director de Praza.gal, David Lombao, e a directora de Vinte, María Yáñez, que explicaron que haberá “mudanzas no deseño, pero tamén melloras técnicas que facilitarán o traballo da redacción e mais a experiencia da audiencia”. Nesta liña insírense os esforzos para adaptar plenamente Praza.gal aos dispositivos móbiles, “un dos vieiros fundamentais de acceso ao xornal que experimentou unha gran evolución dende o ano 2012”.
Outra das grandes novidades ten que ver coa participación das lectoras e dos lectores que máis se teñan implicado no afianzamento de Praza Pública: “Contarase cun espazo para as persoas que co seu apoio nos axudan que o xornal se consolide e medre. Poderán acceder a adiantos informativos, contidos exclusivos e novas vantaxes que ata agora tecnicamente era difícil para nós poder ofrecer”, explicaron.
Respecto de Vinte, será unha revista “para público novo con contidos multimedia sobre temas de sociedade, cultura e tendencias”. María Yáñez engadiu que se tratará dun recanto “desde o que retratar e proxectar a Galicia dos anos vinte”, cunha “forte aposta polos contidos audiovisuais, polas novas linguaxes e pola distribución nas redes sociais”. Será unha plataforma onde a maior parte dos contidos ofreceranse de balde, pero que tamén contará cunha vertente de pago, coa posibilidade de recibirmos contidos exclusivos e outras vantaxes, a partir de 5€ mensuais.
O equipo de Vinte fórmano María Yáñez e Matías Tarrío na redacción, cun consello editorial no que participan Carlos Pereiro Carlangas, Lucía Aldao, Belén Regueira, Noa Cid, Cibrán Tenreiro e Tamara de la Fuente. A realización audiovisual está a cargo de Miramemira, coa colaboración de Xavi Font na identidade sonora.

PUBLICIDADE