Portugal vota a favor da recepción das súas radios e televisións en Galicia

mércores, 13 de abril do 2011 Raquel Noya

A pasada semana, a Assembleia da República de Portugal aprobou unha iniciativa do Bloco de Esquerda a favor de recibir as televisións e radios portuguesas en Galicia; unha iniciativa que partía do acordo acadado entre o BNG e o BE a comezos deste ano, polo cal este último se comprometía a levar o devandito debate político a Portugal.
Despois de tres meses desde que o partido portugués e o galego se reuniran en Santiago de Compostela, a iniciativa, promovida pola deputada Catarina Martins, fíxose chegar á Assembleia e insta ao Goberno de Portugal “a que realice as xestións necesarias ante as institucións galegas e ante o Goberno español para a promoción e recepción da RTP na Galiza”, “ como potenciadoras do espaço cultural comum galaico-português”, afirman.
Durante a presentación da iniciativa, que podemos ver na canle do BNG en YouTube, o deputado do partido nacionalista, Bieito Lobeira, asegurou que isto “redundará na relación de Galiza co mundo lusófono e axudará a normalizar o noso idioma e a reintegralo no espazo común galego-portugués”.
Bieito Lobeira lembrou, asemade, que “ao remate da pasada lexislatura foi aprobada unha resolución defendida polo Bloque Nacionalista Galego para posibilitar a recepción da Radio Televisión Galega en Portugal e a RTP en Galiza”, porén, segundo engadiu, “despois de dous anos o actual goberno do PP non deu un só paso para efectivizar esta posibilidade”.


Vídeo da rolda de prensa do BNG e do Bloco de Esquerdas

PUBLICIDADE