Portátil de Lenovo con tableta dixitalizadora integrada

martes, 12 de agosto do 2008 Marcus Fernández

Aínda que os ultraportátiles de baixo custo sexan os portátiles que máis deron que falar no último ano, moitos usuarios tamén optan por equipos de altas prestacións e grande tamaño, coma o novo Lenovo ThinkPad W700 que aparte da súa pantalla de 17 polgadas (cunah resolución de 1.920 x 1.200 píxeles) e grandes características técnicas destaca especialmente por integrar unha tableta gráfica Wacom de 11,9 x 8,1 centímetros, o que o fai moi axeitado para o seu uso por parte de deseñadores ou arquitectos.
O W700 funciona cun procesador Intel Core 2 Extreme de catro núcleos, soporta ata 8 Gb de RAM, ten unha tarxeta gráfica nVIDIA Quadro FX 3700M con 1 Gb de memoria (con Dual Link DVI, VGA e Display Port), pode incorporar 2 discos duros (configurables en modos RAID 0 ou RAID 1), lector de pegadas dixitais, lector de tarxetas de memoria 7-en-1, 5 portos USB, teclado numérico e a opción de adquirilo con disco Blu-ray e lector de memorias Compact Flash.

A tableta dixitalizadora é a característica máis destacable do ThinkPad W700

Este impresionante equipo de 3,6 quilos de peso sairá á venda en setembro a un prezo de partida de 2.978 dólares, vendéndose nun primeiro momento con conectividade Bluetooth e Wi-Fi, aínda que máis adiante tamén haberá modelos con WiMAX.

PUBLICIDADE