PortalProgramas.com doa 500 euros para impulsar o OpenOffice

mércores, 17 de febreiro do 2010 Raquel Noya

PortalProgramas.com, o portal de descarga de software para Windows que a finais de 2009 levou a cabo un concurso para atopar o mellor software libre de 2009 para a comunidade internauta, vén de entregar o primeiro premio ao proxecto OpenOffice.org, como un dos mellores programas de software libre da actualidade segundo os propios usuarios.
A entrega de premios da primeira edición do concurso congregou a máis de 12.000 usuarios que, segundo afirman dende a organización do mesmo, “fixeron un total de 17.314 votos” para destacar os mellores programas libres entre os máis de 900 que ofrece o portal.
As aplicacións gañadoras, como era de agardar, foron as populares Ares, Firefox, eMule e OpenOffice, pero tamén outros programas como o 7zip, Gimp ou InfraRecorder, que non son tan coñecidos entre a comunidade internauta, recolleron moitos votos.
O valor que aporta este concurso, segundo informan dende PortalProgramas, é “atopar software libre que outros usuarios recoñeceran como útil e de calidade”; así, na listaxe dos 40 mellores programas de software libre hai unha oferta moi variada e de calidade.
Un dos programas que máis destacou no concurso foi a suite ofimática OpenOffice, que recibiu unha doazón de 500 euros.
Un dos seus responsables, Alexandro Colorado, agradecéulle á organización do concurso o seu apoio financieiro, xa que lle permitirá seguir mantendo e desenvolvendo a aplicación, así como mantela no nivle de competitividade que os usuarios esperan”.
Benjamín Segura, o responsable de comunicación de PortalProgramas.com engadeu, pola súa parte que, “os usuarios desta web poden sentirse orgullosos de ter aportado o seu gran de area ao software libre porque esta aportación foi posible grazas a que eles se mobilizaron para destacar o valor que aporta o software libre”, neste caso o OpenOffice.

PUBLICIDADE