Portal e Half-Life 2 estrean versión para Android

luns, 12 de maio do 2014 Marcus Fernández

Dous dos considerados mellores xogos da historia do PC, saídos ambos do catálogo de Valve, chegan hoxe a Google Play, aínda que con limitacións no que respecta ao hardware no que poden funcionar. Deste xeito, para poder gozar de Half-Life 2 e Portal en Android será preciso que contemos cunha consola nVIDIA SHIELD, que demostra a súa potencia sendo capaz de correr estes grandes xogos con soltura.
Cada un dos xogos que se estrean hoxe en Google Play a través do programa de nVIDIA Tegra Partners teñen un prezo de 7,99 euros, e son capaces de aproveitar o hardware da SHIELD (respectando todos os detalles da versión para ordenadores persoais), como tamén fan máis de 300 xogos para Android compatibles con esta máquina, que pese a ser unha consola portátil consegue transmitir un control propio dos xogos de sobremesa.
Pero cómpre destacar que a nVIDIA SHIELD non é só unha consola baseada en Android, senón que conta coa tecnoloxía nVIDIA GameStream, que permite que os xogos de PC que a integran podan xogarse en remoto mediante streaming¸ convertendo en portátiles os títulos para ordenador, soportando máis dun cento de títulos moi relevantes como World of Warcraft, League of Legends, DOTA 2, Titanfall, Batman Arkham Origins, Borderlands 2, Call of Duty: Ghosts ou Dishonored. Unha interesante opción para os que queren levar os xogos do ordenador a calquera curruncho do seu fogar.


Vídeo de presentación do lanzamento de Portal e Half-Life 2 para Android

PUBLICIDADE