Portal 2 supera os 4 millóns de copias vendidas

martes, 8 de maio do 2012 Marcus Fernández

Valve Corporation anunciou que o xogo Portal 2 conseguiu superar os 4 millóns de copias vendidas entre PC e consolas, o que é un grande logro a un ano do lanzamento deste xogo de crebacabezas e plataformas en primeira persoa, que consegue así igualar as vendas da súa revolucionaria primeira entrega lanzada en 2007.
Segundo declaracións do máximo responsable de Valve, Gabe Newell, Portal 2 estaría a vender máis en Windows e Mac OS que en Xbox 360 e PlayStation 3, o que podería responder á masa de seareiros de Valve, que naceu no PC.
Hoxe mesmo Portal 2 estreou un paquete descargable de balde para usuarios de Steam (PC e Mac) chamado Perpetual Testing Iniciativa e que inclúe un editor de niveis para o xogo, o que permitirá ampliar considerablemente os seus contidos, pois os quebracabezas creados con esta ferramenta poderán publicarse en liña para xogarse e votarse.

Portal 2 combina plataformas e quebracabezas cunha historia e unha música que dan lugar a unha experiencia única

PUBLICIDADE