Por fin poden mercarse en liña as lentes con cámara para Snapchat

luns, 20 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

O pasado outono as lentes de Snap Inc. quixeron converterse en todo un fenómeno nos EE.UU. ofrecéndose a un prezo de 129,99 dólares en só un pequeno número de tendas efémeras nunhas poucas cidades, converténdose nun produto que espertou moita curiosidade, e rematada esta fase inicial na que practicamente resultaba imposible ver as Spectacles no mundo real, e pasando bastante desapercibidos os contidos captados dende a cámara integrada nestas lentes, algo que poderá mudar considerablemente a partires de agora, xa que este produto que mestura moda e electrónica de consumo xa pode mercarse en liña, polo momento dende EE.UU., de xeito que calquera curioso poderá agora facerse con este obxecto de desexo para comprobar se realmente este novo trebello wearable pode converterse nunha ferramenta práctica para captar fotografías e vídeos para compartir en liña.
Este produto pode lembrar ás Google Glass, polas dificultades iniciais para conseguirse, pero desta volta o produto ten un prezo de entrada moi inferior e agora democratiza a súa compra, polo que queda por ver se realmente estamos ante unha tecnoloxía que o público ve con bos ollos ou, pola contra, pasada a moda inicial, xorden os rexeitamentos predicibles do feito de que alguén poida estar a filmar o que captan as súas lentes (aínda que as Spectables conta con iluminación LED para destacar cando están a gravar, para non invadir a intimidade da xente que pode sentirse vixiada).
Dado que Snap Inc. está a preparar a súa Oferta Pública de Valores, podemos entender que o negocio das Spectacles pretende mellorar o valor dunha compañía que parece ter estancado o seu negocio ao redor da aplicación Snapchat, que perdeu moito pulo mentres Instagram, Facebook e WhatsApp copian as súas funcionalidades e manteñen un crecemento impresionante.

PUBLICIDADE