Pontevedra lanza unha completa axenda en liña con toda a oferta cultural do concello

mércores, 29 de marzo do 2017 Redacción

O Concello de Pontevedra vén de presentar e pór en marcha unha páxina web para ceibar de atrancos a comunicación coa veciñanza en materia de actividades culturais. Dito doutra maneira: trátase dunha axenda en liña que pretende ser referencial, aglutinadora (con propostas municipais pero tamén dunha manchea de entes privados e públicos) e, sobre todo, cen por cen dispoñíbel. A páxina axenda.pontevedra.gal será, en palabras do Concello, “o novo referente virtual da vida cultura, festeira e de lecer da cidade”.
O novo espazo virtual artéllase principalmente en catro eixes. Para empezar, un primeiro menú a xeito de resume coa información inicial: categorías, un formulario para engadir eventos, a carteleira comercial de cinema e o espazo Buscapistas, con ligazóns de interese cultural, entre outros recursos. Un segundo menú salienta as categorías (exposicións, escena, nenos, programación municipal, música, etc). A isto cómpre engadir os slides que amosan espectáculos ou eventos que poidan ser de interese para o cidadán-internauta e, logo, o cuarto eixe propiamente dito está configurado polas seccións de carteleira propiamente dita, onde se exhiben os eventos que se desenvolven en longos períodos e os que se celebran un día concreto (son as seccións Hoxe e en adiante e E tamén).
O obxectivo desta completa axenda en liña, en palabras do Concello, é “que os veciños e veciñas dispoñan dun lugar único no que consultar a programación e os recursos culturais que ten a cidade, xa que no apartado Buscapistas o usuario ten diante súa unha morea de ligazóns ás entidades, empresas ou espazos de interese cultural”. O Concello tamén informou de que en datas vindeiras engadirase unha conexión coa páxina Centros Sociais, arestora en desenvolvemento e dirixida a permitirnos “circular” polos máis de 30 centros sociais e culturais pontevedreses de base, e obter referencias actualizadas de todas as súas actividades, emprazamentos, asociacións, etc.

PUBLICIDADE