Pontevedra enxalza o potencial innovador de Qbitia

mércores, 3 de xaneiro do 2018 Redacción

O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, e maila concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, mantiveron onte unha xuntanza co director executivo (CEO) da empresa local Qbitia, Luis Taboada, unha das máis salientábeis da contorna pontevedresa e toda a nosa xeografía en materia de desenvolvemento de software avanzado. Na cita os representantes do Concello fixeron fincapé no potencial innovador das firmas pontevedresas, enxalzando o labor despregado por compañías “xenuinamente locais” como Qbitia, que ten no seu haber logros tan importantes como a creación dunha plataforma que nos permite facer seguimento e control das nosas estratexias de investimento nos mercados, ou recoñecementos tan salientábeis como ter sido finalista na sétima edición dos premios The Technical Analyst Awards, ou , tamén, ter sido obxecto do Premio Emprendedor XXI de La Caixa en 2013. Na xuntanza tamén se fixo fincapé na presenza de Qbitia en máis de 30 países.
Creada no ano 2011, a empresa conta a día de hoxe con 17 traballadores e “compite a nivel internacional dende a cidade de Pontevedra, dende o barrio da Parda” subliñou o alcalde, incidindo na necesidade de “visualizar que é posíbel xerar actividade económica e emprego neste mundo globalizado, dende unha cidade que en principio está fóra dos circuítos financeiros”. Segundo engadiu, o éxito da iniciativa abrolla través das súas cifras (os 2 billóns de dólares de investimentos xestionados pola plataforma de Qbitia) e da súa presenza en mercados de capital como, por exemplo, Londres, Chicago ou Nova York.
“Pontevedra é a miña cidade e gústame estar aquí” sinalou Luis Taboada, quen subliñou que el e os outros membros da empresa imaxinan en Pontevedra. O fundador de Qbitia (elixido un dos cen executivos, de entre 30 e 42 anos, máis influentes do Estado polo Instituto Choiseul) aproveitou para “animar á xente a que emprenda, e que emprenda desde esta cidade pois hoxe en día co ecosistema que hai baseado nas novas tecnoloxías pode facerse”. E engadiu: “Pódese facer calquera tipo de innovación e de calquera sector desde aquí”.

PUBLICIDADE