Pontevedra acollerá o principal congreso sobre videoxogos e estudos do xogo de España
mércores, 8 de outubro do 2025
A cidade de Pontevedra vai dar acollida en outubro ao principal congreso sobre videoxogos e estudos do xogo de España, promovido pola asociación Digraes, capítulo español da Digital Games Resarch Association (DIGRA), e polo grupo de investigación V-NPC da Universidade de Vigo. A cita será na Facultade de Comunicación entre o 22 ao 24 de outubro.
No evento exploraranse os videoxogos desde múltiples perspectivas, pondo o foco tanto nos aspectos tecnolóxicos e artísticos, como nos culturais ou sociais.
O IV Congreso Internacional Digraes reunirá, de xeito presencial e virtual, preto dun centenar de investigadores e investigadoras de diferentes países e áreas de coñecemento.
Como explica a profesora Beatriz Legerén, responsable do comité organizador, trátase da primeira edición na Universidade de Vigo dun “congreso de carácter internacional”, promovido por unha asociación de investigadores e investigadoras “do ámbito dos game studies”, que abranguen tanto “a análise dos diferentes elementos que son necesarios para crear un videoxogo”, como tamén a investigación centrada noutro tipo de xogos, como os de taboleiro.
Promovido co patrocinio da Universidade de Vigo e do Consello Social da institución académica, esta edición leva por título Estudos do xogo: encrucilladas e diálogos, co propósito de afondar nuns “conceptos clave para entender a complexidade e riqueza dos videoxogos”, sinalan desde a organización.
O congreso conta a día de hoxe con máis de 70 inscritos e inscritas, polo que a previsión da organización é que permita reunir preto dun centenar de investigadores e académicos de diferentes eidos. Trátase ademais, como sinala Legerén, dun evento "aberto á participación do alumnado”, no que intervirán, de xeito presencial ou virtual, investigadores de Arxentina, Uruguai, Dinamarca ou Estados Unidos.
A organización seleccionou 50 estudos para as 16 mesas de presentación de comunicacións que se sucederán nas tres xornadas do congreso. Estas permitirán coñecer un conxunto de investigacións centradas na historia dos xogos, na análise de xogadores, na estética dos videoxogos ou no seu deseño, produción e distribución. Do mesmo xeito, tamén haberá espazo para abordar estes produtos desde a perspectiva da filosofía e dos estudos culturas e sociais, do mesmo xeito que outras mesas centraranse nos xogos de rol, no xogo analóxico ou na ludoficción.
A presentación destes estudos desenvolverase entre o mércores 22 e o venres 24 e verase precedida, o martes 21, por unha xornada previa dirixida a que estudantes de doutoramento poidan “presentar os proxectos sobre os que están traballando e entrar en contacto con outros investigadores e investigadoras”, sinala Legerén.
Dirixido a “favorecer o intercambio de ideas, a reflexión crítica e o diálogo interdisciplinario”, este evento completarase con diferentes conferencias e mesas de debate. Así, na mañá do mércores 22, terá lugar o relatorio inaugural, a cargo de Miguel Sicart, do Center for Computer Games Research da Universidade de Tecnoloxías da Información de Copenhague. A súa conferencia verase sucedida por unha mesa de debate que buscará dar resposta á pregunta de se os videoxogos son realmente unha industria cultural, na que participará tamén Sicart, xunto con Daniel Candil, profesor do Centro Universitario Tecnocampus, e Marta Martín, da Universitat Jaume I.
Xa o xoves 23 celebrarase tamén unha conferencia do investigador arxentino Emilio Aldegani, titulada Abordaxes ontolóxicos, semióticos e socioantropolóxicos do xogo. Finalmente, o venres 24, o congreso pecharase cunha mesa de debate que afondará na “relación amor-odio” entre os videoxogos e a Intelixencia Artificial. Moderada por Alberto Murcia, da Universidad Carlos III, contará coa participación dos investigadores da UVigo Enrique Costa e Ramón Méndez e do desenvolvedor de videoxogos Pablo Monroy.
